Un grupo de alumnos e profesores do Galway Community College (Irlanda) e o Prva Sušačka Hrvatska Gimnazija u Rijeci de Rijeka (Croacia) visitan esta semana a comarca barbanzana no marco do proxecto “Climate studies and research in the EU”, no que tamén participa o IES Félix Muriel, de Rianxo. Neste proxecto, que forma parte do programa Erasmus+, se ven desenvolvendo dende hai tres anos e o alumnado traballa, en colaboración con entidades ecoloxistas locais, na concienciación da sociedade do perigo que supón o cambio climático e a ameaza das especies e a biodiversidade.
Todos os anos fan unha publicación de especies ameazadas en cada cidade e realizan un traballo audiovisual para a promoción do proxecto nos tres países. Esta é a última das mobilidades do proxecto que ten unha dotación económica de máis de 300.000 euros. Durante esta semana realizaron diferentes actividades para o coñecemento dos espazos naturais da comarca e outros lugares, cono foron a visita ao Ézaro, a illa de Sálvora, ao entorno do mosteiro de Armenteira e, por suposto, ao concello de Rianxo. Onte visitaron a factoría de Jealsa, no Bodión, onde coñeceron de primeira man a actividade e importancia da industria conserveira no Barbanza.
Mañá, ás 10.30 horas, está previsto que o desenvolvemento do acto final de avaliación do proxecto. Presentarase o traballo audiovisual realizado o pasado ano no IES Félix Muriel, así como o exemplar da revista “O paspallás”, que foi elaborada en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural ao abeiro deste proxecto. Asimesmo, o alumnado avaliará os coñecementos adquiridos. A continuación, terán a oportunidade de coñecer a realidade mariñeira rianxeira visitando un astaleiro para ver de preto o traballo dos carpinteros de ribeira. Nos vindeiros días visitarán Santiago de Compostela, rematando a actividade este sábado, día 20 de maio.