O alcalde de Sanxenxo responde

O alcalde de Sanxenxo responde

Cando estarán feitas as beirarrúas dende A Laxe ata Miraflores?
Hai un proxecto en estudo no que se contempla unha senda peonil e farase o máis rápido posible. Será unha actuación prioritaria nos vindeiros meses.

 

Está nas previsións do Concello colocar uns bancos na estrada da Lanzada?
Si, buscarase a mellor ubicación para colocalos sen que afecte a accesibilidade da senda.

 

Que se está a facer desde o goberno local para a desestacionalización do turismo?
A desestacionalización xa é unha realidade. Segundo datos do INE, Sanxenxo suma en tempada baixa, de outubro a maio, 300.000 pernoctacións hoteleiras, unha cifra que moitos destinos turísticos non acadan en todo un ano. Aspiramos a máis e poñemos como reto acadar as 400.000 nos vindeiros catro anos.

 

Haberá aparcamentos disuasorios na tempada estival en Portonovo e Sanxenxo?
O Concello habilitou no verán pasado 1.235 prazas de estacionamento en Portonovo e 1.100 en Sanxenxo, se sumamos as dos dous parkings públicos. Ter unhas cifras tan altas de visitantes e éxito como destino turístico teñen como consecuencia a falta de aparcamento.

 

Vai o Concello a colaborar con entidades que organizan actividades de interese?
Xa o estamos a facer. Calquera asociación ou colectivo que organice actividades de interese para o noso concello contan, como non o pode ser doutro xeito, coa nosa colaboración.

 

Que se está a facer para ter emprego estable?
Contamos con 20 empresas funcionando no parque empresarial e media ducia instalaranse nos vindeiros meses. Hai un Plan B en Sanxenxo que está a funcionar e os datos nolo refrendan. En cinco anos conseguimos baixa a tasa de paro media anual do 15,13% aos 9,78%.

 

Hai proxectos de formación e orientación laboral?
É unha competencia autonómica e nacional, pero aínda así Sanxenxo dispón dun departamento de Orientación Laboral ao que acuden as persoas desempregadas do municipio e onde se lles informa de cursos de formación, ofertas de emprego e incluso de solicitude de axudas.


En que situación se atopa a humanización do Outeiro de Dorrón?
Acabase de solicitar unha subvención ao Plan Ágora da Deputación para encargar un proxecto que humanice todo o núcleo do Outeiro. Cremos que é un núcleo que ten un gran potencial turístico e que ademáis se verá reforzado coa nova senda peonil que está a piques de rematar.

 

Promoverá campañas de incentivación do pequeno comercio ou axudas a emprendedores?
Nos últimos catro anos o número de comercios medrou un 11% alcanzando os 708 comercios novos e os negocios hosteleiros un 21% atas os 45 novos locais, segundo cifras do Catastro. As cifras revelan que a situación do sector do comercio non é mala en Sanxenxo. Independentemente disto, colaborase con Entretendas sempre que nolo requiren nas distintas campañas que realizan ao longo do ano.

 

Apoia aos veciños que reclaman máis médicos para o centro de saúde de Baltar?
É evidente que hai serios problemas coa atención primaria aínda que algo está mellorando nas últimas semanas, pero o problema atópase na falta de médicos e só hai unha administración coa capacidade para que se formen a máis médicos e chámase Ministerio de Sanidade.

 

Mellorará seguridade viaria na estrada que vai á igrexa de Adina?
Estase pendente da firma dun convenio coa Deputación de Pontevedra, pero vai ser preciso a cesión de terreos por parte dos veciños. Será unha prioridade no vindeiro mandato.

 

Outro motor económico do Concello, aínda que perdeu moita forza, é a pesca. Estase a traballar para incentivar ao sector?
O mellor plan de viabilidade para a pesca é o crecemento da hostalería que demandan produto pesqueiro e que abran todo o ano.

 

Pensa regularizar os pisos turísticos?
Non é unha competencia municipal senon autonómica, pero dito isto, en Sanxenxo lonxe de ser unha amenaza, os pisos e vivendas turísticas xunto aos hoteis e campings fan que ocupemos a décima posición en número de aloxamentos turísticos en España.

 

Hai algún programa de incentivación de compra nos mercados de abastos, moi afectados pola crise?
Vaise iniciar proximamente o mercado de abastos de Sanxenxo que vai ser máis que un novo espazo para a venta de alimentos e vaise convertir nun importante polo de atracción. En Portonovo estase a facer unha importante obra de humanización no entorno, unha parte xa está feita, que o vai facer máis atractivo de cara aos clientes.

 

Cales son os primeiros proxectos que porá en marcha se volve a ser alcalde?
Hai moitos proxectos por executar, pero dous pola súa envergadura son os que máis esforzo e atención requiren. Trátase da reordenación do porto de Portonovo e a recuperación integral da Ría de Arousa dende a Revolta ata Dena. Tamén hai outros moi importantes como a posta en marcha do FP de Hostalería no antigo colexio O Cruceiro onde está previsto tamén un espazo para os xubilados e a biblioteca, así como unha ampla zona verde.

 

Mercará o Concello o Pazo de Dorrón?
Estudarase esa posibilidade. Sanxenxo xa conta entre o seu patrimonio cun BIC como é o Pazo de Quintáns e o Priorato de Arra que foron adquiridos polo Concello e que foron obxeto de rehabilitación e recuperación.

O alcalde de Sanxenxo responde

Te puede interesar