O Obradoiro de Emprego de Hostalería de Vilanova acolleu recentemente unha destacada sesión dedicada á sidra natural galega, dirixida por Jesús Armenteros, da 'Casa da Sidra' e fundador de Sidra Ribela SL, da Estrada. A actividade, que incluíu unha cata de sidras, demostracións de tirado, unha presentación sobre I+D+i e un maridaxe detallado, "foi recibida con gran entusiasmo polo alumnado e o persoal do centro", valoran desde o Concello.
"Armenteros compartiu o seu profundo coñecemento sobre a elaboración de sidra con mazás autóctonas, destacando como a riqueza do chan galego, o clima favorable e a robustez da mazá local contribúen a obter unha sidra de alta calidade". "Esta bebida xa conta con recoñecemento internacional e, grazas ás inversións en investigación e desenvolvemento, converteuse nun produto versátil que pode acompañar toda unha comida, desde o primeiro prato ata a sobremesa, e ser utilizada para brindar en celebracións importantes coa súa versión 'petillante' ", amplían.
Durante a sesión, explicouse que a presentación da sidra en Galicia realízase en envases seleccionados de cristal escuro, subliñando o seu carácter como unha bebida nova e de calidade superior. Esta elección de envase busca afastarse das tradicionais imaxes de sidras doutras rexións, asociadas a ambientes máis rústicos e envelenecidos.
O evento incluíu unha detallada cata de diferentes variedades de sidra, permitindo aos asistentes apreciar as sutilezas e características que diferencian cada tipo. Armenteros tamén realizou unha demostración práctica do tirado de sidra, mostrando as técnicas axeitadas para servila e potenciar os seus sabores e aromas.
A parte dedicada ao maridaxe "foi especialmente valorada, xa que os participantes puideron degustar como a sidra complementa e realza diversos pratos". "Desde mariscos frescos e peixes ata carnes e sobremesas, a sidra demostrou a súa capacidade para integrarse perfectamente nunha comida completa".
O alumnado e o persoal do Obradoiro de Emprego de Hostalería de Vilanova expresou "a súa satisfacción coa sesión, destacando a oportunidade de aprender dun experto recoñecido e de ampliar os seus coñecementos sobre a sidra natural galega". Esta actividade enmárcase "nos esforzos continuos do centro por ofrecer formación de calidade e actualizada, que prepare aos futuros profesionais da hostalería para destacar no sector".
A xornada concluíu cun brindis con sidra 'petillante', celebrando non só o éxito do evento, senón tamén o potencial da sidra galega como unha bebida de prestixio e tradición.