O BNG fai balance da súa rolda de contactos coas parroquias: “Séntense abandonadas”

O BNG fai balance da súa rolda de contactos coas parroquias: “Séntense abandonadas”
Responsables do BNG durante un reparto de información sobre a súa protesta pola situación da atención primaria | cedida

O BNG rematou onte en Oubiña a súa rolda de reunións cos veciños das parroquias para recoller as súas inquedanzas e presentarlles as súas propostas e, en liñas xerais, trasládanlle que “se senten abandonadas polo Concello, máis alá de asfaltados puntuais”, explica o seu voceiro, Liso González. Tamén botan en falta o regreso de actividades ás casas de cultura e ven necesidade de actuar con urxencia nestas instalacións.

Segundo o concelleiro, tras escoitar aos asistentes a estes encontros, aos que invitaron ás asociacións de cada parroquia, pero que tamén eran abertos, sacan unha conclusión xeral: “Séntense abandonadas”. Detallou que, se ben se fan “asfaltados puntuais”, botan en falta limpezas e outras accións máis contundentes. O edil indica que saben da existencia de “moitas baixas laborais” nas cuadrillas de servizos de mantemento e obras do Concello e que “están sen cubrir”, así que “deste xeito resulta moi difícil chegar a todos os sitios”, recoñece. Pero tampouco entenden porque se produce esta situación e non se soluciona, e “iso que este ía ser o mandato dos servizos básicos”.

Outra das cuestións que se repetiron como queixa é a falta de actividade de tipo social e cultural a través das casas de cultura. Foron suspendidas pola pandemia, pero no momento oportuno “non se volveu a reactivar. Non houbo nin ludotecas no verán, nin de Nadal, non se abren os puntos de lectura nin as salas de ordenadores”, onde os hai. Segundo González, o caso “máis sangrante” é o de Corvillón porque “levaron os ordenadores e ata a porta do baño”.

Pero ademais detectan unha falta de “posta ao día” destas instalacións e no caso desta última incluso en profundidade, co cal non descartan levar a pleno unha moción solicitando a súa reforma integral porque “hai moitas queixas das Mulleres Rurais e da ANPA. Hai chaves da luz que non funcionan, cadros eléctricos con carteis que poñen “non tocar”, nun lugar onde andan nenos, as ventás non fechan ben e hai moitísima humidade”, detallou o voceiro.

Estas roldas de contactos están dirixidas a recolller inquedanzas da veciñanza e canalizalas antes as diferentes administracións, pero tamén para “ir conformando as nosas propostas de aquí ao futuro”. Agora seguirán con colectivos e entidades do centro urbano e de diferentes ámbitos, como o deportivo, porque “xa sabemos de problemas no pavillón e en Burgáns”, 



Contacto co goberno


Preguntado ao respecto, González sinalou que o alcalde aínda non se puxo en contacto co Bloque como sinalou na súa investidura para tratar de chegar a consensos: “Esa man que nos ía tender aínda non a notamos e entendemos que a estas alturas, estamos en marzo, xa terán pechado o Plan Concellos e o Orzamento”. O concelleiro sinala que si creou un grupo de wasap de voceiros, pero botan en falta comunicación máis que para cousas puntuais. “Por exemplo, nin avisaron dos actos do Día da Muller nin do contido das actividades”, lamentou. 

O BNG fai balance da súa rolda de contactos coas parroquias: “Séntense abandonadas”

Te puede interesar