O BNG reivindica a Rosalía de Castro como símbolo de igualdade e rebeldía

O BNG reivindica a Rosalía de Castro como símbolo de igualdade e rebeldía
Xosé Castro Ratón e Lucía César Veloso depositaron as flores aos pés do busto de Rosalía de Castro en Carril | d.a.

Foi a música de “Negra Sombra” -moi acaída para o luto que Galicia vive esta semana- a elixida polo Bloque onte como punto de arranque do acto de homenaxe e ofrenda floral a Rosalía de Castro en Carril. Unha vila á que a escritora estivo pegada durante anos e á que acudía durante longas tempadas para repousar mirando a Cortegada. Unha vintena de persoas reuníronse en torno á escultura da insigne escritora para conmemorar o 23-F. E non o 23-F tradicionalmente vencellado a Tejero, senón ao nacemento da que é a figura máis importante do Rexurdimento galego. O acto comezou cunhas palabras dedicadas aos familiares dos mariñeiros desaparecidos e falecidos no traxedia do Vila de Pitanxo e foi a voceira municipal do Bloque, Lucía César Veloso, a encargada de tomar a palabra en primeiro lugar. “Estamos aquí, recuperando un acto imprescindible para reivindicar a figura de Rosalía. Nunha nova normalidade na que se nos vende unha Reforma Laboral inexistente, unha Lei Mordaza que segue existindo e unha constante discriminación da nosa lingua”, enfatizou. Ao pé do busto de Rosalía a nacionalista asegurou que “hoxe en día Rosalía volvería escribir todos e cadaún dos seus versos. Era, e así debe ser lembrada, unha figura combativa, feminista e reivindicativa”.


Tras a súa intervención comezou a lectura de varios poemas da autora, sobre todo sacados das súas obras máis insignes e universais como son “Cantares gallegos” e “Follas Novas”. Tras o pequeno recital no que se escoitaron voces diferentes foi Xosé Castro Ratón o que tomou a palabra para facer un repaso pola Rosalía máis activista. “Uns meses antes de morrer Rosalía estaría nunha casa aquí en Carril. Cando estaba a piques de morrer na Casa da Matanza en Padrón pediu que abrisen as ventás para poder ver o mar. Era unha maneira de dicir que se deixara entrar aire fresco para renovar o ambiente de opresión que soportaban na época, especialmente as mulleres”, sinalou o nacionalista. Castro Ratón definiu a Rosalía como “un símbolo nacional da loita pola liberdade, pola igualdade e pola emancipación” e destacouna tamén como “un símbolo de rebeldía que se enfrontou e afrontou os problemas daquela”.


Un poema lido polo ex concelleiro puxo o punto final á parte máis lírica e reivindicativa do evento a pé de estrada en Carril. Xusto a continuación el e Lucía César Veloso puxeron a pé de busto o centro de flores sobre unhas bandeiras que locían un crespón negro. Xa como remate final soou o himno galego, que foi entonado a viva voz non só polos presentes, senón tamén por algúns curiosos que paseaban polas rúas anexas á igrexa parroquial de Carril.

O BNG reivindica a Rosalía de Castro como símbolo de igualdade e rebeldía

Te puede interesar