Caamaño volverá a pelexar pola Alcaldía para o BNG nas eleccións de 2019

Caamaño volverá a pelexar pola Alcaldía para o BNG nas eleccións de 2019
Prado, Caamaño e Domínguez compareceron onte na sede local | aitana vidal

Víctor Caamaño volverá a pugnar pola Alcaldía cambadesa no 2019. Militantes e simpatizantes apoiaron onte a súa proposta; un proxecto “serio, coherente e realista” que suma a experiencia de tres anos no cuatripartito. De feito, o nacionalista asegurou que foron o “nexo de unión” e souberon “xogar un papel secundario” nos momentos de dificultade deste goberno de coalición: “O BNG sempre estivo aí, intentando solucionar as situacións de crispación ou excesos para que volver a coller o rumbo”. Caamaño foi sincero: “Ás veces, foi excepcionalmente complicado e se pode mellorar”, pero tamén defendeu que é un executivo “moito mellor que o proxecto do Partido Popular”.
Será a cuarta vez que o agora tenente de alcalde e concelleiro de Ensino e Cultura no Concello preséntase como candidato ás municipais (a primeira foi no 2007). Foi o único en presentarse ao proceso aberto na agrupación local, que ten un “peso moi importante na comarca”, suliñou o responsable do Salnés, Manuel Domínguez.
O equipo de Caamaño empezará agora a buscar compañeiros para nova andaina, para “ir a por todas e liderar a política municipal dende 2019” porque “polo ben de Cambados, aspiramos a máis” que gobernar en coalición, manifestou a deputada Montse Prado, quen trasladou o “orgullo” do BNG polo traballo desempeñado por el e as concelleiras María José Cacabelos e Teresa Prado.
O xa alcaldable explicou que decidiron adiantar a súa confirmación para que “os veciños saiban e lles quede claro que o BNG ten proxecto para Cambados”. Así, o traballo de confeccionar unha lista ganará intensidade a partir da próxima semana e será paritaria e con caras novas, pero sempre “persoas con compromiso” porque para Caamaño “é o principal”. Tamén se buscará representación en diferentes sectores e parroquias da capital do albariño.

Caamaño volverá a pelexar pola Alcaldía para o BNG nas eleccións de 2019

Te puede interesar