Cultura programa unhas Letras reivindicativas do papel da Muller

Cultura programa unhas Letras reivindicativas do papel da Muller
Víctor Caamaño e Carmen Penim presentaron onte o cartel de actividades deste ano | d. a.

Serán as Letras Galegas máis femininas de Cambados. A homenaxe que este ano se fai por tal efeméride a María Victoria Moreno inspirou á Concellería de Cultura e Educación que dirixe Víctor Caamaño para dar protagonismo á Muller na maior parte dos actos previstos no programa co gallo desta cita, que se estenderá durante todo maio.
Caamaño presentou onte a relación de actos, acompañado pola artista Carmen Penim. Ela terá un papel central na programación, con dous actos, na véspera e no día posteior ao 17 de maio. O 16 presentará ás 20 horas en Exposalnés o seu libro-CD “Herdeiras”, acto que tamén contará coa proxección da curta “Bucle”, de outra muller, Margarita Ledo.

O 18, ás 20 horas no auditorio, Penim ofrecerá un concerto dividido en dúas partes: Unha primeira con pezas que musican poemas de María Victoria Moreno e unha segunda do citado traballo “Herdeiras”. Este fai un percorrido pola memoria das mulleres, particularmente galegas, que vivieron dunha forma aínda más dura se cabe a barbarie do 36 e os posteriores anos de represión. Finalmente, as obras abriranse a situacións similares que viven hoxe as mulleres en determinadas rexións do mundo.

Un premio en feminino
O colofón a todos estes actos será o 2 de xuño, coa entrega do Premio Ramón Cabanillas, que promoven o Concello e as librarías Contos e Ramón Cabanillas. Polo de agora o nome é segredo, pero Caamaño adiantou que terá presenza feminina, polo que deixa entrever xa que nesta edición contarse cunha premiada.
O resto do programa inclúe teatro, música, literatura, cine e a tamén tradicional ofrenda floral dos centros educativos, o día 16. É un dos actos que sobrevive na reconversión das actividades culturais feitas polo cuatripartito. Caamaño destacou, de feito, que como titular das áreas de Cultura e Educación quere seguir a apostar por ligar ambos sectores, implicando directamente aos centros de ensinanza na promoción e participación da vida cultural da vila. É por iso que tamén hai actividades específicas para colexios e institutos no recordo de María Victoria Moreno, á marxe do programa xeral das Letras.

En canto a novas actividades que tentan afianzase, destaca a lectura pública continuada de textos, iniciada o ano pasado. Nesta ocasión, serán fragmentos da autora recordada, o luns 14, ás 17 horas frente ao monumento a Cabanillas.

Só por incluir aquí as primeiras paradas deste cartel, que se poderá consultar no Concello, páxina web e centros culturais, o 11 de maio, ás 20 horas en Exposalnés, será a presentación do libro de Ramón Caride “Terra Queimada”. O 12, Torrado acollerá o festival de Con de Xido, ás 19 horas.

Cultura programa unhas Letras reivindicativas do papel da Muller

Te puede interesar