Juan Otero | “Nos anos máis tensos da Confraría chegouse a titular que había máis violencia en A Illa que no País Vasco”

Juan Otero | “Nos anos máis tensos da Confraría chegouse a titular que había máis violencia en A Illa que no País Vasco”
O investigador e escritor, co seu novo libro, hai uns días en A Illa | g. salgado

Nun pobo no que o mar é o sustento da maior parte da súa xente e no que a Confraría é a segunda gran institución tras o Concello, case sorprende que a súa historia, a do Pósito, non se reunira nun só lugar, negro sobre branco, ata cen anos depois da súa fundación. Foi Juan Luciano Otero, “Genito”, no seu día concelleiro de goberno, quen deu o paso adiante, na súa faceta de investigador e escritor. Tras doce meses de traballo, “100 Anos de Salitre nas Mans” é o título que o autor elixe para este novo libro, que veu a luz hai uns días, que xa está a disposición dos socios da Confraría, que o editou, e que se seguirá a repartir durante as Festas do Carme para que chegue a cada recuncho da vila.

Como describiría o libro que ten entre as mans?
É a historia da institución, desde a creación do Pósito en 1922 ata hoxe. Tamén se conta o paso de Pósito a Confraría.

Que non é o mesmo?
Non. Antes chamábanse pósitos, funcionaban con certa autonomía. Non foi ata despois da Guerra Civil que pasaron a chamarse confrarías, xa tuteladas e integradas no sindicato vertical, claro, o único que había.

Está ben documentado o nacemento da Confraría?
No arquivo de Pontevedra está rexistrado o 2 de xullo de 1922. Algo saiu antes na prensa, pero a data do rexistro oficial é esa. É curioso tamén que, uns meses antes, había tamén unha Asociación de Amigos del Pueblo Isla de Arosa. Daba a impresión de que era unha asociación creada máis que nada por empresarios, cando o Pósito era fundamentalmente de traballadores. Pero isto é unha especulación miña.

Porque, ata agora, non había tampouco unha historia recompilada da Confradía, nin das súas orixes.
Non. Era unha mágoa. Do recente si, agora hai ordenadores, esas cousas. Pero do histórico, na Confraría non había arquivo. Así que buscar as referencias foi o máis complicado, tiven que recurrir a arquivos, xornais e hemerotecas.

E cando lle nace a idea do libro?
Despois de que me xubilei, a primeira obra que escribín foi sobre a historia do Céltiga e do fútbol na vila. Ao indagar todo aquilo, atopei que a partires de mil oitocentos e pico saían moitas novas de A Illa publicadas. Así que todo o que ía atopando, fun recompilándoo e agrupándoo por áreas: Política, relixión, naufraxios... Co tempo vin que o Pósito fora creado en 1922: Hai que ter en conta que o primeiro de España, o de Cambados, fora non moito antes, en 1917.

E a historia atrapouno.
Si, e que me chamou a atención a importancia que tivera este Pósito en A Illa. Porque non tivo un labor unicamente mariñeiro, tivo un papel clave tamén noutros ámbitos, como o da educación.

Educación, desde a Confraría?
Si. As primeiras escolas de A Illa foron formadas polo Pósito de Pescadoras, que creou as chamadas escolas de orientación marítima. E houbo nesa etapa moitos mestres que deixaron pegada no pobo. Antonio Morales del Monte, por exemplo, daba clases de esperanto, no ano 1931, aos rapaces. Pero é que tamén tivo moito que ver o Pósito no inicio da seguridade social. Chegouse a crear unha especie de fondo, un crédito pesqueiro, que máis tarde se transformaría no Instituto Social de la Marina.

Cal diría que puido ser a época máis convulsa da Confraría?
A máis conflitiva foi a raíz da Democracia. No ano 1979 houbo as primeiras eleccións libres, porque antes as que había eran dentro do sindicato vertical. E cando comezou ese proceso democratizador, tamén comezaron as concesións para traballar no marisqueo.

Porque era moi diferente ata entón traballar no marisqueo?
Claro, antigamente ías á seca cando o permitía a Comandancia da Marina, case sempre de outubro a marzo. Cada un ía onde quería, o mar era libre. Nos anos 80 comezaron a conceder as praias ás diferentes confrarías. No caso das de A Illa, foi sinxelo o reparto, foron á Confraría de aquí. Pero claro, bancos como O Bohído, Os Lombos do Ulla, ou a zona de Ribeira e de A Pobra... Os barcos estaban acostumados a ir traballar aí libremente. E cando comezaron a deixar ir só aos titulares das concesións, houbo enfrentamentos bastantes grandes.

Por iso o sinalou como o período máis conflitivo?
Si. En A Illa houbo momentos de bastante tensión. Tanto que un xornal de Castellón, arredor do ano 80, publicou un titular que dicía que había “máis violencia en A Illa de Arousa que no País Vasco”.

E houbo algún episodio digno de mención que recorde?
Pois cara o ano 80 ou 81 estaba prohibido o can, que era unha arte de pesca implantada sobre todo en Cambados, onde se pretendía a legalización. O que acontecía era que se trataba dunha especie de rastro grande que era arrastrado polo barco. E arrasaba con todo. Así que o resto de mariñeiros protestaron. A Comandancia entón comenzaba a perder o poder que tivera, parecía non facer moito caso e, nunha ocasión, dúas ou tres mil persoas de A Illa decomisaron o barco daquela arte, o “Julia”, arrastrárono para A Illa e estivo aquí unha semana. A vila estaba vixilada día e noite, con luces en toda a volta, para que ninguén viñera buscar o barco ata que a Comandancia prohibira aquela arte. E conseguírono.

Íalle preguntar se atopara algunha sorpresa mergullando na historia da Confraría. Pero agora coido que habería máis que unha.
Hai moitas cousas. A min chamoume a atención a importancia do Pósito de A AIlla xa desde antigo. En 1951 aparecían censadas na vila 600 dornas, vinte e tantos barcos do xeito, outros tantos do cerco... Vendo os censos de afiliados de toda España, A Illa chamaba sempre a atención polos altos números. E, logo, tamén me sorprendeu que moitos patróns maiores isleños foran presidentes tamén da Federación Provincial e da Federación Galega. Varios, xa desde os anos 30.

Dun libro sobre o Céltiga saíulle un sobre a Confraría. Agora, sairá algún outro deste?
Datos teño. Sobre a fábrica de conservas, a ponte, a Segregación... Teño información de moitas cousas, polo de agora, para min. Quen sabe o día de mañá. Pero é que a idade tamén empeza a facer das súas (ri). 

Juan Otero | “Nos anos máis tensos da Confraría chegouse a titular que había máis violencia en A Illa que no País Vasco”

Te puede interesar