Juan Rey é presidente de Cambados Zona Centro dende 2013. Pese ás dificultades que narra que teñen os comerciantes hoxe en día, amósase positivo: “non todo se pode mercar en Internet”, afirma. Hoxe fala con nós da asociación e o futuro do comercio local.
Cando xorde Zona Centro?
Eu son presidente dende 2013 pero a asociación debe de vir dende o ano 90 ou un pouco antes. Xorde porque hai necesidade de comerciantes e hostaleiros de reivindicar as súas iniciativas, buscar ideas novas ou ter contactos con entidades públicas e privadas. O que busca a día de hoxe é defender os intereses económicos, culturais, tecnolóxicos... dos nosos asociados, así como darlles formación ou ser intermediarios coas institucións.
E que problemas afectan máis hoxe en día a ese comercio local?
Principalmente Internet, que nos está afectando moitísimo, e as grandes urbes. Alí a xente ten de todo, centros comerciais... que están funcionando con hostalería, ocio, cultura... e nós temos que ir dando tamén eses pasos para ter todo iso e que a xente decida quedar en Cambados.
Que ofrecen, precisamente, para que o cliente prefira quedar en Cambados?
Intentamos traballar en diferentes campos. Primeiro, no tecnolóxico. Estamos nun sistema unicanal, onde o cliente coñécenos vía tenda física, escaparate, profesionalidade, vía redes sociais, prensa... Tamén traballamos co Concello de Cambados para ter parkings gratis, que é unha grande ventaxa, porque nunha grande urbe pagas por todo, e en Cambados hai tres parkings gratuitos. Tamén temos un sistema lineal, no que o comerciante coñece ó provedor, coñece ó cliente... Nun grande almacén só coñecen a venda que van facer. E esas cousas temos que valoralas máis, así como todo o patrimonio de Cambados.
O trato humano supoño que tamén é algo destacado...
Claro. A humanidade forma parte da base, entre nosos asociados e co cliente. Non ser números. Porque cada vez es un número máis.
"Nós coñecemos o produto, o provedor, o cliente... nun grande almacén só coñecen a venda que van facer. E iso hai que valoralo"
Antes faloume das redes sociais. Entendo que cada vez están tamén máis presentes nelas...
Si. De feito chegamos a un acordo coa Mancomunidade do Salnés, onde hai unha forma de dar a coñecer os nosos produtos, que é a páxina web Salnés Click. Tamén estamos en conctacto con SmartPeme para formar ós nosos asociados, ben en redes sociais ou web, etc.
Un comercio que naza novo agora en Cambados, pode decidir asociarse con vostedes ou non, pero que vantaxes tería se o fai?
A promoción e a información que lle podemos dar sobre axudas, formación, subvencións... Sempre dentro das nosas posibilidades.
Antes falabamos das amenazas que vive o pequeno comercio. Cre que está en perigo real?
Se desaparece o comercio nas localidades pequenas, sería un problema. Sería moi pobre. Nós estamos dando charlas nos colexios, para que saiban o que é a actividade comercial. Hai actividades que están sendo tocadas como o textil, pola liberdade das rebaixas.... hai un descontrol. Nin o propio consumidor sabe cando hai rebaixas ou non. Iso non nos beneficia. A liberdade do consumidor está aí, pero temos que loitar contra estas grandes superficies a través de formación e profesionalidade. Entender que unha actividade económica xera moita riqueza nunha localidade e, se desaparece, desaparecerían moitas cousas. Pero hai actividades que teñen que ser. Non todo se pode comprar por Internet.
Pedirían ó mellor que se regulara o tema das rebaixas?
Si. Iso é un tema que levamos reivindicando hai moito tempo, desde que se liberalizaron as rebaixas. As grandes marcas están empezando antes e nós máis atrás, esperando ó día... Nós somos autónomos. Funcionamos co que temos, non temos grandes inversores detrás.
Supoño que co tema dos horarios de apertura sucede algo similar...
Si. Sendo autónomos non temos grande apertura de horarios. Pero temos que buscar outras iniciativas, un abanico de actividades, para ser máis competitivos e qu
e o cliente ou o visitante veña a Cambados.
Que actividades fan?
Facemos a Campaña de Nadal, que é case un mes, na que inauguramos o alumbrado, facemos unha chocolatada... Tamén facemos a campaña do Día da Nai, do Día do Pai, a Feira de Oportunidades... que funciona moitísimo, pero case era mellor que non funcionara tan ben, porque naceu para que todo ese stock se poida vender ese día. Se non houbese stock, non teriamos que facela, pero é unha oportunidade para darnos a coñecer e coller algo de liquidez. Tamén este ano o vale compra funcionou moi ben, nun día esgotáronse todos.
Como animaría a que a xente se decante polo comercio local e para que novos emprendedores entren en Zona Centro?
Para vir comprar a Cambados e ós nosos asociados, dicirlles que somos profesionais, que coñecemos o produto, a quen se lle vende... Iso é importantísimo. É o emprendedor, dicirlle que sempre hai dificultades, pero que delas apréndese. Animalos a que monten comercios, porque hai falta de cousas e de relevo. Pola nosa parte, co noso pequeno presuposto, facemos o esforzo de botarlles unha man para promocionar e defender os seus intereses.