Mari Carmen Grande (MM RR San Miguel de Deiro) | “Ás veces penso que falta Lolita Trigo, que era a que nos empurraba”

Mari Carmen Grande leva vencellada á Asociación de Mulleres Rurais de San Miguel de Deiro dende que a crearon. O que bota en falta a día de hoxe é que a xente máis nova se achegue e queira coller o relevo dun colectivo no que pasalo ben está asegurado.

 

Están de aniversario este ano. Cónteme como vai ser.
Cumprimos 30 anos o 12 de setembro. Imos facer un festival o Día das Letras Galegas e tamén unha pequena homenaxe á que foi a nosa presidenta, Milagros. Faremos unha actuación de pandeireteiras, que ela tamén estivo nese grupo... Haberá un grupo de gaitas no que actuará seu fillo... E tamén faremos unha obra de teatro, que foi a primeira que fixemos  hai 27 anos. Tentaremos facelo por todo o alto, como a nós nos gusta.

 

Vostede é presidenta dende hai dous anos, pero na asociación leva 30. Hai relevo?
Nós quixeramos que a xente nova se animara, porque son 30 anos e cansámonos un pouco. A parte, temos persoas maiores ás que atender, e quixeramos que os nosos fillos e os das nosas socias colleran a asociación.

 

Por que cre que non se animan?
Non sei se é polos traballos, pero nós tamén traballamos. Ou igual é que hai que tirar un pouquiño deles... Hai unha chica que o outro día me dixo que levaba 10 anos vivindo alí e enterouse o ano pasado de que existía a asociación. Pero as bocas van falando. A xente que se anota está encantada.

 

Que van atopar na asociación?
Facemos moitísimas actividades. De informática, cociña, bolillos, costura, charlas, pilates, ioga... E, ademais, o que atoparían é estar xuntos, pasalo ben. É que desfrutamos moitísimo, pasámolo xenial e rimos moitísimo. Somos un grupo de socias moi amenas, moi acolledoras e intentarmos axudarnos unhas ás outras.

 

Cantas son agora mesmo?
Estamos sobre 80, pero chegamos a ser 200 antes da pandemia. Algunha xente foise retirando e outra xa non está.  

 

"A asociación aporta moita amizade. Cando estamos xuntas pasámolo xenial, rimos moito e somos moi acolledoras"

 

E que cota teñen?
Son 12 euros ó ano. Un euro por mes. Nós non queremos cartos para ter gardados. Os cartos son para as socias. Hai asociacións que nos din: “ai, nós temos 8.000 euros”. Eu non quero!  

 

Tamén se lles coñece como “Asociación Lolita Trigo”. Cóntenos quen era ela.
Puxémoslle Lolita Trigo porque Milagros fora alumna súa, e nós tamén. Esa profesora veu para San Miguel e púxoo andando. Fixo moitísimas actividades, xuntaba ás nosas nais no que lle chamaban “o plantel”, facían cursos, xuntaba grupos de xente doutras parroquias como de Barrantes... De feito moitas alumnas súas casaron con xente de Ribadumia. Ata meteu no plantel ó cura da parroquia. Era un caso. Era unha muller adiantada ós seus tempos. Era solteira e foi a que fixo que os nenos empezaran a estar coas nenas nas aulas, que antes estaban separados. Aprendeunos moitísimas cousas e por iso lle puxemos o seu nome, porque sentiamos con ela moito apego. Foi como unha nai.

 

Como nota que cambiaron as mulleres rurais nestes 30 anos?
A medida que se van cumprindo anos a xente vai máis cansa. Pero notas deixadez. Claro, teñen nenos pequenos, pero eu tamén os tiven e en cambio estaba aí. Ás veces penso que falta Lolita Trigo, que era a que nos empurraba e a que nos facía ser unha piña.

 

En que están traballando, a parte do festival?
Estamos preparando cursos, a ver se a xente se anima. Fixemos un de arte floral que foi un éxito. E agora hai uns rapaces que nos din que se hai cursos de cociña eles se anotan. Iso encántame.

 

Entón aceptan homes tamén?
Si, si. Encántanos que haxa chicos, claro que si. Aportan moito. Estamos abertas a todo.

 

Algunha outra asociación comentou que cambiou o tipo de cursos que demandan as socias. Pásalles isto tamén?
Tal cual. Antes pedían máis bolillos e manualidades. Tivemos tantas que había que facer tres turnos. En cambio agora piden máis moverse. Debe de ser tamén que os médicos o recomendan.

 

Asociaciu00f3n Lolita Trigo San Miguel Deiro
Algunhas das integrantes do colectivo, tras o pano | Mónica Ferreirós

 

Nestes 30 anos, que recordo especial garda?
Os eventos estrela eran os que faciamos polo Nadal e polas Letras Galegas. É que fixemos tantas cousas e tan bonitas! Fixeramos cousas de fadas que Lolita escribía... Para min iso foi o mellor.


E os peores? A pandemia?
Si. A pandemia e maila falta de Milagros (emociónase).

 

Que cre que aporta á parroquia unha asociación coma esta?
Aporta moita amizade e estar xuntas. De feito dinche: “non deixar a asociación! Se non, que facemos? Onde imos?”. Entón, eses minutos que estamos xuntas pasámolo xenial.

E que necesitan agora?
Que a Casa da Cultura a poñan un pouco mellor, porque está algo deixada.

 

Pensa que a visión das mulleres rurais cambiou nestes 30 anos?
Penso que si. Porque hai xente que vén de moitísimos sitios. Aí atrás me dixeron: “ai, ti es da asociación de San Miguel? É que aí facedes moitísimas cousas!” Pero haberá de todo. Toda a vida foi así. Eu recordo na época de miña nai cando ía co plantel e había veciñas que dicían: “vai porque non ten que facer”. E iso que ía pola noite. 

Mari Carmen Grande (MM RR San Miguel de Deiro) | “Ás veces penso que falta Lolita Trigo, que era a que nos empurraba”

Te puede interesar