O PP de A Illa dá unha nova volta á polémica sobre a zona residencial, as medidas de tráfico que o goberno local impulsa para limitar o paso de vehículos de visitantes ás rúas do centro urbano, ante a crecente presión turística.
Os populares presentaron un novo escrito por rexistro, o segundo esta semana sobre este particular. Neste último, solicitan a celebración dun Pleno extraordinario para suspender a posta en marcha desas novas medidas de tráfico.
O grupo opositor ten un suficiente número de concelleiros para forzar ao goberno a ter que convocar este Pleno e volver pasar por un debate que se prevé tenso. Iso si, a data é cousa do executivo. E o sentido do voto, tamén, xa que PSOE e BNG suman maioría absoluta.
O PP fala de “ falta de consenso, político, veciñal e empresarial” e ausencia tamén de “transparencia coa negativa de facer pública toda a información sobre os contratos e as restricións de tráfico”. A petición do texto é que se suprima a posta en marcha das novas medidas de mobilidade “que se pretenden adoptar este verán”.
Ademais, piden copia de todo expediente do Plan Urbano de Mobilidade Sostible (PMUS) desde a súa aprobación inicial en 2017 á actualidade, para teren toda a documentación sobre mobilidade no municipio.