Bodegas Martín Códax acolleu onte a festa de finalistas dos duodécimos Premios Martín Códax da Música; un total de 45 bandas e artistas —ademais dos nove proxectos dos Premios Organistrum (Salas, Festivais e Comunicación e Difusión Musical) e os artistas emerxentes: Ash Diz, Paracetafolk e Ulex—, que tras ser seleccionados por un xurado profesional e ata o 25 de maio, someteránse á votación dos socios de Músicas ao Vivo e o público en xeral, a que corresponderá o 50% do reconto final e que o ano pasado sumou o voto de 4.000 personas.
En canto aos finalistas, na categoría de Blues, Funk e Soul son Victor Aneiros, Helena Egea e Allo Negro, que se repetiron despois con Alana, Coanhadeira e De Ninghures, na categoría folk. En Músicas do Mundo e Mestizaxe os finalistas son Crúas, dúo formado por Alba Ermida, cantante e clarinetista, e a pianista Iria San Marcial, o espírito festivo de Fanfarria Taquikardia e os sons africanos de TanDub; na categoría de Canción de Autor resultaron finalistas artistas de diferentes xeracións: Migui Bouzó, un novo talento desde Vigo, a cantante de Cee Rocío Caamaño, e A Pedreira, a viaxe musical dunha das grandes voces galegas, Ugia Pedreira.
Na categoría de Músicas Urbanas, na que se congrega moito talento e mocedade, resultaron finalistas Amoebo e os seus ritmos pop e latinos, o rapeiro Hugo Guezeta e a rapeira Nadie González. O ámbito das Orquestras, Grupos e Música de Verbena quedou representado nos finalistas A Banda da Balbina, Los Satélites e Son das Tabernas, e en Metal e Heavy o recoñecemento foi para Acouga, Brutal e Sicixia. A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Musical do Rosal e Banda de Música Municipal da Estrada foron as finalistas na categoría de Bandas de Música Popular. En Música Tradicional dúas cantantes finalistas conectadas coa tradición oral no presente: Carmela e Faia, e unha formación, Unto Vello, mocedade centrada na recuperación dos cantares tradicionais. Brais das Hortas, Golfiño e Pakolas son finalistas 2025 en Música Infantil e a pianista e investigadora María Domínguez, o compositor e docente Juan Eiras, e a pianista e compositora María Mendoza, en Música Clásica e Contemporánea.
En Electrónica son finalistas Lontreira, Rumia e Russ; en Jazz e Músicas Improvisadas, Valentín Caamaño, Baldo Martínez Sexteto e Orquestra Galega de Liberación; en Rock e Punk, Os John Deeres, Loita Amad e Mad Martin Trío; e por último, en Pop e Indie, Måi —o proxecto liderado por Iseo Agilda—, a cantante Sabela e o grupo ferrolán Zavala.
Os finalistas foron seleccionados por un xurado profesional e presentados onte durante un acto no que Xoán Allegue López, presidente das Bodegas Martín Códax, e Sheila Patricia, e Patty Castro, presidenta e tesoureira de Músicas ao Vivo respectivamente, actuaron de mestres de cerimonia. A gala final terá lugar o 28 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra.