O Concello de Sanxenxo abreu ao público esta tarde a Praza de Vilalonga, que xa pode usarse pola veciñanza. Así, os operarios realizaron durante esta mañá os últimos retoques de axardinamento e iluminación, que supuxeron a culminación ás obras de humanización do entorno. Un proxecto de case un millón de euros que inclúe a eliminación do tráfico rodado, aínda que mantendo o acceso de servizo ao campo de fútbol. Así mesmo, o goberno local explica que o “pequeno retraso” producido débese a cuestións meteorolóxicas.
Despois da humanización, este novo espazo componse dunha zona versátil con beirarrúas amplas a ambas márxenes da calzada. Ademais, o treito da PO-505 que discorre polas inmediacións da praza limitarase a unha velocidade de 30 quilómetros por hora. Da misma maneira, instaláronse novos elementos de xogos infantís e suprimíronse as barreiras físicas existentes, así como a bancada perimetral, que prexudicaban o acceso á praza.
Nesta liña, na zona da bancada central colocouse unha pérgola de aceiro galvanizado, co obxectivo de habilitar a realización de eventos culturais e deportivos con sombra na tempada estival. Así, o Concello explica que, trala reforma, o espazo útil increméntase dos 4.011 metros cadrados aos 5.280 metros cadrados actuais, que se gañan nas inmediacións da PO-505 e do campo de fútbol.