Ramón Mouriño, Alberto Vázquez, Victorio Oubiña, Ventura García, Ramón Pose, Rosa Paz, José Manuel Paz, José Antonio Paz e Manuel Padín ingresarán mañá na lista de valedores e defensores do Tinto de Barrantes e tratarán de levar o seu nome alá a onde van. Persoas moi ligadas ao sector vitivinícola ribadumiense e dos que o Concello destaca as súas historias para merecer dito recoñecemento:
Ramón Mouriño, de Leiro, de familia viticultora e defensor do tinto Barrantes alá por onde vai así como de Ribadumia. Mouriño é un colaborador nato e é membro da comisión organizadora da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das variedades autóctonas dende o 2014, e defínese como un apaixonado da festa, do viño e da cultura.
Alberto Vázquez, de Ribadumia, é viticultor e colleiteiro deste caldo dende ben novo, algo que fai con agarimo para desfrutar despois do mellor viño, é difusor, promotor e defensor del alá por onde vai.
Victorio Oubiña, tamén de Ribadumia, é a continuación dunha saga familiar de viticultores pero tamén o promotor e mestre das que seguen, porque el seguiu o legado de seu pai, pero o seu fillo está xa collendo o relevo, algo que asegura o futuro do Tinto Barrantes xeración tras xeración. Destacando tamén que participaron durante 4 anos cun stand na carpa dos viños da festa.
Ventura García é defensor das excelencias do Tinto Barrantes, divulgador por onde vai do caldo e non entende unha mesa sen este viño, que marida ben con calquera xantar, tal e como destacan dende o Concello.
Ranón Pose, nacido en Coristanco, terra que da as patacas de mellor calidade de Galicia, alimento que ensalza moi ben cun caldo como o tinto Barrantes, do que é consumidor, así como divulgador dos seus beneficios. E leva anos vinculado a Ribadumia e aos seus viños.
Rosa Paz, de Lois, leva anos coidando os viñedos de tinto Barrantes, comezando naquela época na que estes eran complemento da economía familiar, pero que despois se quedan como sitio de vida e desfrute, pois o seu coidado transformouse para Rosa nunha paixón máis alá das obrigas, sendo a elaboración do noso caldo unha das súas paixóns.
José Manuel Paz (Pontevedra). Disfrutador da festa do tinto Barrantes dende fai máis de 30 anos, e defensor e divulgador así deste viño dende ben cedo.
José Antonio Paz, de Leiro, é defensor deste viño en cada recuncho, posto que tamén ten viñedos que coida con ilusión e agarimo para poder degustar despois do mellor tinto Barrantes. Ten plantacións propias dende fai máis de 30 anos e destaca o manter os viñedos en formato arxón como antigamente.
Manuel Padrín, de Sisán e coñecido como Manolo Maypa, é viticultor por herdanza despois de varias xeracións pero non por eso con menos agarimo, posto que é un arraigado defensor do tinto Barrantes e divulgador do mesmo. Colaborador activo na festa do tinto do Salnés con stand na carpa dos viños dende fai máis de 10 anos, sendo premiado o seu viño tinto en diferentes edicións.