Outro ano máis e chega un deses días grandes de reivindicacións dos dereitos das mulleres. Habería que volver dous anos atrás, pouco antes da pandemia, xa que este virus tamén foi especialmente cruel connosco, moitas perderon os seus traballos, que aínda sen dereitos, tanto españolas como inmigrantes (empregadas de fogar e outras profesións sen cotizar), quedaron na rúa, sen traballo, sen remuneración algunha. Elas, nós, non avanzamos. E este 8M de 2022 e todos os días, debemos reivindicar os nosos dereitos, que de seu nos pertencen pero seguimos retrocedendo, non avanzamos mentres non se tomen medidas efectivas e reais, mentres non nos solidaricemos e comprendamos que debemos apoiarnos unhas a outras e ir da man para conseguir un obxectivo común: o benestar laboral, social, sanitario, persoal da muller.

Este ano con motivo do Día Intenacional da MULLER, queremos achegarnos ás mulleres vilanovesas con historia e renderlles unha homenaxe a través dunha exposición de fotografías e breves recensións sobre as súas vidas. O noso desexo é que non queden no esquecemento, que as coñezan as novas xeracións e destacar esa parte feminina, a metade da poboación de Vilanova que estaba na sombra, representada por unhas poucas e nas que faltan moitas máis, mulleres traballadoras de outrora, que non querían recoñecementos, nin fama, nin gloria, pero son parte da historia vilanovesa e merecedoras de mostrar os seus logros, as súas loitas.

Buscando información para realizar a exposición, démonos conta do difícil que é atopar fotografías, datos das nosas veciñas, coma se non existisen, e si, esas valentes son as nosas antecesoras, polo que queremos e debemos visibilizalas. As mulleres non poden ser tachadas, nin antes, nin agora, nin nunca.

A nosa asociación está formada por mulleres mariscadoras, traballadoras do mar, que ben sabemos os esforzos que hai que facer para sacar adiante ás nosas familias e facernos cargo de dobres e triplas xornadas de traballo, non só na mar, senón tamén na terra, na hostalería, no comercio, ou onde boamente póidase para completar uns xornais baixos, cos que doutra maneira non se podería facer fronte á salvaxe subida nos prezos da economía, da que estamos a ser vítimas toda a sociedade e en especial os colectivos máis vulnerables.

Neste 8M xuntarémonos para reivindicar melloras salariais, sanitarias, así como dar visibilidade ao papel tan importante das mulleres vilanovesas, que tanto fixeron e traballaron por este municipio.

Unha reivindicación importante nestes tempos convulsos é un gran NON Á GUERRA.

E para un colectivo que segue resistindo, o de persoas que no cant o de gozar da súa xubilación, que pasaron penurias, unha guerra, un período de fame, resisten e son o apoio de moitas familias e ás cales ignoramos e poñémoslles trabas no seu día a día (non atendelos persoalmente nos bancos etc). Desentendémonos, con todo noutras culturas valóranse, e non nos esquecemos que na nosa pandemia reflectiuse o mal coidadas e mal tratadas que estaban estas persoas.

A pobreza enerxética na que viven (sen calefacción…), as pensións de pobres, das viúvas que aínda que traballaron a par dos homes, non cotizaron por elas.

Cada ano que pasa seguen faltando mulleres, asasínannos, atentan contra os nosos dereitos, quítannos a vida, cada vez que un feminicida mata a unha muller, mátannos a todas.

En conclusión, buscamos a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, existe insuficiencia de unha gran parte feminina en postos directivos, en cargos públicos. Falta que a muller chegue a sentirse dona do seu propio corpo, que haxa unha igualdade real nos salarios, conciliación laboral non só para atender ás crianzas, tamén ás persoas dependentes, situación que segue recaendo no xénero feminino, e en moitas ocasións senténse obrigadas a abandonar os seus empregos. Hai deficiencia na implicación do xénero masculino nas tareas domésticas, en coidados familiares, no reparto das corresponsabilidades.

E como anos anteriores debemos seguir loitando polas que non están, polas que loitaron, polas que virán e porque nos queda un longo traxecto para alcanzar a liberdade, a igualdade, a paz.

Te puede interesar