Algunhas particulares consideracións arredor de ‘Sirat’

Algunhas particulares consideracións arredor de ‘Sirat’
Estreno en los Cantones Cines de 'Sirat', de Oliver Laxe

Un pai, acompañado polo seu fillo máis novo, viaxa na procura da sua filla postadolescente, desaparecida hai algún tempo sen deixar rastro. Coñecendo os gustos e pasatempos da moza, o home chega ao norte de Marrocos, onde unha grande concentración de persoas disponse a participar nun concerto ao aire libre de música electrónica repetitiva e a moi alto volume, co obxectivo liberador de entrar en trance. Entre a heteroxénea multitude ali reunida, nunha danza frenética e incesante, allea á particular situación do atribulado pai, este deambula entre a xente na esperanza de que a sua filla poida andar por alí. Concluída a audición sen ter alcanzado o seu obxectivo, o noso home non desiste dos seus esforzos e, tendo escoitado, no medio da desbandada xeral, a un pequeno grupo falar de ir cara outro lugar onde posiblemente se realizará outra audición, decide seguilos. Non conseguindo disuadilo facéndolle ver que carece de recursos, acceden a deixalo facer parte da caravana, declinando eles toda responsabilidade. De común acordo, a comitiva ponse en marcha e, atrás dos dous potentes vehículos do grupo, comeza a circular a pequena furgoneta do pai teimoso co seu paciente fillo. Dúas partes, empuxadas por circunstancias e intereses ben diferentes.


A partir de aquí, no decurso da longa e azarosa viaxe, o relato irá dando resposta a unha serie de preguntas xa no horizonte mental do espectador -Conseguirá o fráxil vehículo do pai atravesar a accidentada ruta? Xurdirá a discordia entre as dúas distintas partes da caravana? Logrará o grupo de norteafricanos materializar o desexo de fuxir da sua realidade adversa? Dará aparecido a filla ausente?- e ao mesmo tempo suscitará novas cuestións ás que nós, desde este outro lado da pantalla, teremos de responder. Cada un, desde o seu particular punto de vista. Velaquí unha das grandezas do cinema. Os tempos son ruíns. A escala de valores está a mudar. As conquistas sociais corren o risco de se perder. Cada vez é maior o número de persoas que están a ser empurradas para as marxes. Tamén das que andan a procurar puntos de fuga, no complicado obxectivo de se desenganchar do sistema. Así e todo, aínda existen bolsas de solidariedade.

 

Existen aqueles que saben o que lles está a acontecer e son capaces de o explicar, de lle poñer nome ás cousas e mesmo poden manter un mínimo control sobre as súas decisións. E os que non. Son moitas as persoas obrigadas a unha inevitable transhumancia, seres que acabarán abandonando este mundo non tendo coñecido máis do que unha realidade permanentemente adversa. A capacidade de resiliencia da xeneralidade das persoas é notable; para ben e para mal. Estas son as principais -sen dúbida, non as únicas- cuestións que desde a miña particular subxectividade considero habitan os entretecidos visuais e sonoros de ‘Sirat’, singular, simbólica, poderosa e ben construída película, terrible, reveladora, dramática, demoledora.

Algunhas particulares consideracións arredor de ‘Sirat’

Te puede interesar