Amar nos tempos da longa noite

A  novela “O amor nos tempos do cólera” de García Márquez, é unha obra literaria que o autor dedica ao amor nas súas múltiples facetas. O escritor inspirouse na historia do namoramento dos seus propios pais para crear esta narrativa que explora a persistencia do querer verdadeiro ao longo do tempo e fronte ás adversidades. No relato tamén se trata sobre o amor filial, a paixón e a lealdade, todo iso enmarcado no contexto histórico, o dun lugar e dun tempo pasado, considerado como a “época do cólera”, andazo letal naquel momento. A súa vez, a historia contada é unha homenaxe á tenacidade do amorío romántico, así como á vellez e á morte, elementos inseparables da vida humana. Ademais, é boa metáfora do amor en tempos de represión, similar á vivida aquí durante a ditadura franquista.


A través desta historia de amor, a obra explora como a querenza, entre dúas persoas, enfróntase e sobrevive ás convencións sociais e ao paso do tempo, no medio dunha época de transformacións históricas. Deste xeito, incide na resistencia contra a prohibición de expresar afecto en público, un acto de desafío perante a censura e o control social. Así, a novela non só narra unha historia de amor persistente, senón que tamén destaca a importancia da comunicación e a expresión do sentimento como formas de resistencia e supervivencia do espírito humano. 


Entre nós, no ámbito galego, o documental de Antonio Caeiro, “Eu tamén necesito amar”, parte dunha experiencia similar, o namoramento e matrimonio dos seus pais, para abordar a represión franquista desde a perspectiva do íntimo: O sentimental e sexual, con énfase no papel das mulleres ás que pretenderon roubar parte da súa vida; e dicir, o dereito a querer e amar con liberdade e, tamén, ao gozo.


Memoria oral de tempos de prohibición, de privación e de normas patriarcais no marco dun control social có discurso oficial, influído pola presión relixiosa e a ríxida moral ancorada no fanatismo. Con relatos, incluído o de persoas que non viviron a represión dos tempos da guerra pero que sen embargo soportaron idénticos efectos após de cruzar o ecuador do período totalitario. 


Este traballo, producido pola asociación vilagarciá O Faiado da Memoria, complétase agora coa publicación dun libro que, incluíndo tamén copia do filme, permite afondar no proxecto nacido cun documental que é memoria histórica en feminino, singular e íntima, agrandada con esta versión en papel que achega valiosas reflexións de Aurora Marco e Olalla Bouza,  máis  unha unidade didáctica de Tereixa Casal para ser utilizada como instrumento pedagóxico da historia galega máis recente.


Cando estamos a conmemorar o cincuenta aniversario da Revolución do 25 de Abril que permitiu á cidadanía portuguesa transitar da prohibición ás liberdades sociais, colectivas ou persoais, benvida sexa esta publicación por ser unha fundamental obra de coñecemento e antropoloxía social, cun filón de relatos verbais de bravas mulleres que foron quen de abrir fiestras na longa noite de pedra.  

Amar nos tempos da longa noite

Te puede interesar