Hai moito tempo que abandonei o debate sobre se os políticos deben cobrar ou non. Ese non é o debate: o debate real é canto deben cobrar e sobre todo para que cobran. En Vilagarcía non hai debate porque algún cobra por facer nada ou case nada.
Vexamos os datos: Vilagarcía ten sete concelleiros liberados. Todos son do partido que goberna. O alcalde cobra 53.000€ cada ano. A primeira tenente de alcalde cobra 35.000€ e hai cinco concelleiros cunha asignación de 30.500€ cada ano. A suma supón que o Concello de Vilagarcía destina 420.000€ cada ano a tomar decisións políticas para gobernar. Son 420.000 euros para que o grupo de goberno se asignou a si mesmo. A oposición, non está de máis lembralo, non ten liberados, como sucede noutros concellos do tamaño de Vilagarcía.
Estas cantidades son respectables e están por riba do salario medio do municipio, da comarca e do país. Son cantidades que deberían garantir un mínimo criterio nas decisións e un desenvolvemento dedicado dos cometidos. Lonxe disto, os integrantes do grupo de goberno que cobran non están atendendo ao traballo polo que cobran. Por exemplo: as empresas que traballan para o concello non están supervisadas polos concelleiros responsables desas obras. Non están tendo seguimento e, polo tanto, teñen manga ancha. Ningún destes concelleiros con dedicación exclusiva considera que unha parte do que cobran tería que servir para que revisaran as obras que se fan: a vía ciclista, as obras de Víctor Pita en Sobradelo, as obras na rúa Vázquez Leis en Vilaxoán, na sede do club de remo, no albergue de peregrinos en Carril, as marquesiñas rotas desde o primeiro día ou o paseo marítimo.
Como as empresas adxudicatarias das obras saben que o concello non supervisa, fan as obras sen poñer o coidado que porían se alguén fose por detrás esixindo o cumprimento dos contratos. As obras non se axustan ao proxecto inicial, fanse sen as mínimas medidas de seguridade. As empresas saben que, pese as dedicacións exclusivas, o goberno ten como práctica unha xornada laboral de seis horas matinais que non inclúe visitar as obras ou poñer firmes ás empresas. Inclúe as comenencias, pero non as responsabilidades. Ante a miña petición de facer pública a axenda do goberno municipal, ese mesmo grupo votou en contra non fora ser que quedara claro e meridiano que non traballan polas tardes ou que as horas que dedican a dirixir o concello está moi por baixo dos salarios que cobran.
A falta de rendemento é tan evidente que mesmo algúns concelleiros que teñen dedicación exclusiva levan meses sen acudir aos consellos escolares nos que teñen a obriga de estar en representación do concello. E non é porque nesas horas estean noutros cometidos porque xustamente están liberados e teñen salario para que poidan atender os compromisos e as tarefas que ten o concello. É o seu traballo, pero non o fan.
En calquera empresa privada, esas que tanto defenden á hora de non facer executar os contratos, ningún deles terían pasado o período de proba. Con ese rendemento non terían sido aceptados nin como becarios. Cómpre que a oposición faga o que o goberno non fai: denunciar incumprimentos, denunciar obras sen licencia, abusos das empresas adxudicatarias, empresas privadas que usan espazos públicos de maneira gratuíta, como o auditorio por exemplo. Cómpre que o goberno tome unha decisión: ou fai o traballo polo que cobra ou renuncia ao salario. Non pode ser que cobren sen facer nada e aínda presuman diso.