As cores do planeta

As cores azul e verde son emblemáticas do planeta Terra, simbolizando a vasta presenza de auga e tamén á abundante vida vexetal que caracteriza ao noso fogar no universo. O azul representa aos océanos e mares que cobren aproximadamente o setenta por cento da superficie terrestre, esenciais para a regulación do clima e o sustento de innumerables formas de vida. O verde, doutra banda, é a cor da flora, desde as selvas tropicais ata as praderías, que producen o osíxeno necesario para a respiración da maioría das especies e xogan un papel crucial no ciclo do carbono. Xuntas, estas cores non só pintan un retrato da biodiversidade e os ecosistemas planetarios, senón que tamén nos lembran a importancia de preservar estes recursos naturais para as xentes do futuro.


Para iso, nos primeiros días de xuño, o mundo está chamado a deterse para reflexionar sobre dúas causas esenciais para a supervivencia e o benestar planetario: o Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado o día 5, e o Día Mundial dos Océanos, o día 8; coincidente coa “reflexión electoral”. Non só serven como recordatorio da vital importancia dos nosos ecosistemas, senón que tamén nos deben impulsar a actuar de maneira responsable para protexer e preservar a nosa contorna natural.


Lembremos que o cambio climático é un dos maiores desafíos ambientais que enfrontamos hoxe. As emisións de gases de efecto invernadoiro están a provocar un aumento das temperaturas globais, alterando os patróns e causando eventos extremos como furacáns, inundacións e secas. A biodiversidade está a diminuír a un ritmo alarmante debido á destrución de hábitats, á contaminación, á explotación, fóra de control, dos recursos e ao cambio climático. A perda de especies non só reduce a resiliencia dos ecosistemas, senón que tamén pon en risco a seguridade alimentaria e os medios de vida de millóns de persoas que dependen da biodiversidade. A contaminación do aire, a auga e o chan é devastadora para o medio ambiente e a saúde humana. As emisións industriais, os residuos plásticos, os químicos tóxicos e os refugallos urbanos están a contaminar os nosos recursos naturais, afectando á vida silvestre e provocando enfermidades.


Pola súa parte, os océanos son unha fonte vital de alimentos para millóns de persoas e xogan un papel esencial na regulación do clima. Absorben preto do 30% do dióxido de carbono; e  distribúen a calor ao redor do planeta a través das correntes oceánicas, o que axuda a manter o equilibrio climático global. Porén, a contaminación aféctalles de múltiples maneiras. Os plásticos e outros refugallos sólidos terminan no mar, causando danos á vida mariña e alterando os hábitats naturais. O problema é mundial, malia todo Europa é parte nuclear da solución e nas nosas mans está escoller políticas medioambientais que freen a degradación irreparábel da natureza. Moito máis no caso galego, coa terra e o mar ameazados por celulosas ou eólicos espoliadores. É o poder do voto.  

As cores do planeta

Te puede interesar