Auga recóndita

uga, substantivo feminino, é palabra que no dicionario da lingua galega, sumando opcións do singular e do plural, ten ata dez diferentes significacións. Como líquido que cae das nubes en forma de pingas, incoloro en pequenas cantidades, inodoro e insípido; e do que están compostos mares, lagos e ríos é peza fundamental da vida humana, mesmo formando parte do noso corpo. Así e todo, como recurso natural, non é infinito senón que comeza a emitir serias chamadas de alerta á vista do crecemento da poboación planetaria que está a pique de superar a barreira dos oito mil millóns de persoas, consumidora deste recurso básico para a supervivencia das especies.

Xosé Castro Ratón
Por iso, coa luz vermella de alarma acesa, celébrase o Día Mundial da Auga, evento destinado a chamar a atención global do mundo sobre a importancia da auga na vida do planeta Terra que habitamos e da súa conservación. Esta efeméride anual que nesta ocasión escolleu o lema “Augas soterradas: facer visíbel o invisíbel”, leva ás costas xa trinta anos por acordo da Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento, celebrada en 1992 na cidade brasileira de Río de Xaneiro; sen dúbida un dos fitos históricos máis importantes nas proclamas institucionais, e na loita pública, por protexer a integridade do medio natural común. 


Tres décadas que non foron quen de forzar aos organismos internacionais a tomar medidas eficientes na política hidrolóxica, afectada pola emerxencia climática coa alteración dos patrón de chuvia, a ordenación do territorio, a crecente demanda deste ben natural pola actividade agrícola e industrial; e, máis aínda, para responsabilizarse da protección das augas subterráneas que representan o máximo interese para a seguridade das sociedades, cuxa existencia non sería posible sen estes recursos acuíferos. A maioría das zonas áridas do planeta dependen por completo destas augas subterráneas, pois fornecen unha gran proporción da auga que utilizamos para fins de consumo, saneamento, produción de alimentos e procesos industriais. Así mesmo, as augas subterráneas son decisivas para o bo funcionamento dos ecosistemas, como as zonas húmidas e os ríos. Escondidas baixo os nosos pés, as augas subterráneas constitúen un tesouro oculto que enriquece as nosas vidas. A vida non sería posible sen as augas subterráneas.
Data reivindicativa case coincidente coa boa nova do moi xusto recoñecemento de ADEGA, acordando outorgar o seu Premio Osíxeno de Honra a Fernando Cobo, profesor titular de Zooloxía da USC, promotor e antigo director da vilagarciá Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Río Con, “polo seu excelente traballo ao fronte deste centro de investigación durante máis de dezaseis anos e a súa constancia no impulso de proxectos de estudos que contribuíron a coñecer máis e mellor os nosos ríos, tanto dentro, como fóra” do ámbito galego. Persoas imprescindibles para o mundo.

Auga recóndita

Te puede interesar