Bandeiras e manifestacións

Nunca me gustaron moito as bandeiras. Sen dúbida os símbolos son importantes para representar, de maneira sinxela, o que desexamos ou polo que traballamos. Pero tamén creo que simplifican demasiado calquera idea, e que tenden a uniformar e evitar matices, discrepancias ou visións que, sendo complementarias, non teñen por que ser idénticas. As bandeiras acaban sendo máis importantes que as persoas ás que supostamente representan, e aí xa non hai quen entenda tal cousa. Hai un problema maior, que está no efecto tan peculiar que se da polo que case sempre quere coller unha bandeira o que menos debería. Así, acaba sendo todo unha loita por coller un pau para sentirse máis puro, máis digno ou a saber que. Por iso, tampouco me gustan as bandeiras.


Pero se hai un efecto fantasioso de exhibición de bandeiras son as manifestacións. Da igual cal sexa o obxectivo e a reivindicación, un ten sempre a sensación de que o máis importante para algúns estrategas son as bandeiras. Colocar moitas, grandes e dispersas, sempre aproveitando a vontade inquebrantable de voluntariosos brazos que irán en solitario dentro da manifestación levando a súa para que pareza que os que están ao redor, que non coñecen de nada a ese señor cun pau, son do mesmo club de fans. Non falta a habilidade de colocar bandeiras rodeando o escenario do fin dunha manifestación, ou xusto detrás da pancarta principal onde estarán, pode ser, cidadáns sen afiliación ou incluso unha representación acordada de todas elas. Así os comités centrais correspondentes, xa non medirán o éxito dunha manifestación en se se consegue o obxectivo grazas á mobilización, senón en se foron capaces de facer parecer que había moitos dos propios. Un, que xa estivo na cociña dalgunha que outra manifestación, sabe que se repite sistematicamente a idea de que mellor sen bandeiras. Pero xa todos sabemos, tamén, que hai quen nunca o respectará.


Onde nos leva isto? Moi posiblemente a que moitos cidadáns non participen nunha mobilización coa que comparten o obxectivo porque non queren ser utilizados. E teñen razón. E tamén pode levarnos a que, ao ver unha utilización tan vulgar, todos os demais véxanse obrigados a levar as súas. E así un atópase bandeiras de países, bandeiras da república (que a un republicano coma min lle asombra atopala nunha manifestación en defensa da sanidade pública, por exemplo) e incluso algunha dun club de fútbol que un día vin na reivindicación polo día da lingua. Fabuloso.

Bandeiras e manifestacións

Te puede interesar