Carta aberta

O substantivo, carta, entre as moitas significacións inclúe a condición de escrito que se envía a alguén, normalmente dentro dun sobre, para comunicarlle algo. Iso era antes da moderna tecnoloxía que prescinde do papel e das formas históricas de correo epistolar. Agora é un concepto simbólico que, para o caso desta reflexión, suma un adxectivo, aberta, que achega moitas consideracións para conformar unha potente metáfora. Daquela, é expresión de algo que non está rodeado ou cercado de valados e outros atrancos físicos; tamén é significación de algo dado á comprensión, ao entendemento, á bondade, á xenerosidade como obxectivo amplo, vasto e sen obstáculos.


Consideracións, as múltiples anteditas, que conforman a esencia metafísica dun dos propósitos que naceu no marco dun dos festivais poéticos de máis sona no territorio europeo, o esloveno Xornadas de Poesía e Viño, no que fai cinco anos atrás deu nacemento á iniciativa que coñecemos por Carta Aberta a Europa, e ao mundo planetario, elaborada cada ano por unha creadora literaria diferente coa vontade de levar a linguaxe da arte e da poesía ao discurso público. Oportunidade para abordar os temas culturais e sociais que para a responsábel da súa autoría se consideren máis relevantes sabendo da transcendencia pública ao enviarse aos membros do Parlamento Europeo, do Consello e da Comisión Europea, ao tempo de verse publicada nunha manchea de medios de comunicación internacionais. Unha sorte de impacto na opinión pública que sitúa a Chus Pato, poeta en galego e numeraria da Academia Galega, RAG, como autora escollida este ano para redactar a misiva.


Palabra escrita pola ourensá para facer saber que “un pobo ten memoria de moitos tipos de gobernos, de todos os modos de produción que o atravesaron, pero o seu corpo é anterior. É unha forza que abate calquera réxime antigo e calquera réxime o é. É esa acción de erguerse, de brotar, de cantar, de ser derrotado ou vencer, pero nun de gobernar. È incompatible co goberno, con calquera tipo de goberno”. Si, Europa está chea de pensamento, do que sae a esperanza e fe, “virtude coa que enfrontamos o feito de non poder ter todo baixo control. A fe agarda e espera porque sabe que o risco é a raíz da liberdade. A fe consiste nun pensamento capaz do único acto que na vida podemos realizar: arriscarnos a vivir”. Neste noso continente son múltiples as ameazas.


Porén, “ogallá poidamos ver o abrente no que Europa non padeza o capricho dun deus patriarcal nin os celos da súa consorte divina”; ogallá, tamén, se cumpran mil primaveras máis para estes eidos que compartimos e para os idiomas, aínda hoxe desprezados, que algúns e algunhas de nós escribimos e falamos e no que sempre amamos. Si, isto é tamén Europa. De pobos con dereitos.


Carta aberta que alén do Atlántico é Carta Aberta á Humanidade, nobre obxectivo á procura de atopar un destinatario que recolla o laio polas inxustizas e desigualdade que sofre, xente e pobos.

Carta aberta

Te puede interesar