Clamor polo colapso sanitario

Colapso é, sen dúbida algunha, palabra acaída para cualificar a situación soportada polas persoas que precisan de atención sanitaria, practicamente en todos os concellos, lugares e centros de saúde do ámbito comarcal de O Salnés, territorio que xunta o resto da área sanitaria foi e continúa ser a zona cero da emerxencia en materia de sanidade, especialmente no servizo da Atención Primaria e dos PACs. Certeiramente, o dicionario da lingua galega, para o substantivo masculino, colapso, opta na súa primeira acepción polo concepto da medicina que sinala a suspensión brusca das actividades vitais. Vén ao pelo da situación. Mágoa diso, porén a día de hoxe os responsables políticos do Servizo Galego de Saúde semella que teñen asumida a estratexia, retranqueira, de Voltaire, ao dicir que “a arte da medicina consiste en entreter aos pacientes no entanto a natureza cura a enfermidade”. Daquela, aínda contamos coa outra acepción lingüística para reiterar a situación de colapso: Alteración brusca no desenvolvemento dunha actividade, que pode provocar a súa parada. Lémbrense aquí as moitas veces que ficaron sen facultativos, PACs e ambulatorios.


Velaí o clamor existente entre a cidadanía, vítima desta situación que á parte da estado actual, amosa tamén o fondo dun proceso de desfeita dun sistema que foi excelente pero que mostra as costuras dun traxe que rompe a cachos, consecuencias das políticas de recortes nos recursos humanos, materiais e tecnolóxicos impostos no pasado que agora pasan factura no panorama antes descrito e, aínda máis, na situación límite á que se somete aos profesionais sanitarios, incapaces de evitarlle á xente listas de agarda de ata quince días para ser atendidos no servizo de entrada á canle sanitaria, o de Atención Primaria, que mesmo ten prescindido das súas Xerencias de xestión.


Por iso, é necesario á par que un dereito universal recuperar a atención presencial, fixar mínimos na dispoñibilidade de centros e sanitarios en función da poboación; incrementar o persoal médico, de enfermaría e auxiliar nos centros de saúde, dotando de número axeitado e incorporando novas categorías profesionais aos equipos. Todo iso, a comezar por rematar coa inestabilidade e precariedade na que se producen contratacións abusivas e ineficientes, de temporalidade reiterada. Non esquezamos que o SEGAS ocupa o furgón de cola, no ámbito estatal, no número de médicos por cada cen mil habitante. Un sistema, alén dos equipos, sen persoal de atención vai a ningures.


Iso si, a río sanitario público revolto, ganancia do ámbito mercantil, especialmente dos seguros que ven incrementado a súa carteira de clientes, forzados por situacións persoais nas que non se pode agardar atención en listas de espera avultadas e para ir ao especialista hospitalario sen pasar por una atención primaria que fai augas. O bocado do negocio privado a busca de lucro medra a diario.


Defender a Atención Primaria, na sanidade galega, é tarefa de todos. Movámonos. Manifestémolo.

Clamor polo colapso sanitario

Te puede interesar