Constelación

ágoa é, mais as persoas galegas se de algo sabemos é de ter que marchar á forza fóra da nosa terra. Dende tempo inmemorial, vimos perfeccionando a arte da despedida ata convertela case nun patrimonio inmaterial, unha especie de denominación de orixe do noso carácter. Temos máis pericia en facer maletas ca en pillar cita no centro de saúde. Por iso, non é de estrañar que, na era do dixital, a nosa máis sentida epopea colectiva acabe tendo o seu propio museo na nube. Faltaría máis. O Museo da Migración non é só un proxecto cultural que acaba de nacer, impulsado pola Rede Museística provincial luguesa; é a consecuencia lóxica dun pobo obrigado a vivir na distancia, a ter o corpo nun sitio e a alma noutro. Un museo sen paredes, como as nosas fronteiras sentimentais.


Este museo dixital non é un arquivo morto. É unha casa aberta, sen pechadura nin cancelas, onde se poden explorar historias de vida, documentos, fotografías; e, por riba de todo, emocións colectivas. Porque quen marchou, foise con saudade, pero tamén con orgullo; co peso dunha identidade que lonxe da terra fíxose máis forte. Por iso, esta iniciativa lembra que o patrimonio non é só pedra ou pergamiño: tamén é lembranza e comunidade. Por iso os museos non teñen que ser sempre edificios fríos con visitas escolares. Poden estar na nube, sempre que baixen ata o corazón.


Claro que esta iniciativa, tan necesaria, acende unha luz sobre outras escuridades. Celebramos, e con razón, a preservación do noso patrimonio social no eido virtual. É unha idea brillante, quizais porque non ocupa espazo físico nin require licenzas de obra. Porén, este camiño de dignificación da memoria peta con forza na responsabilidade das nosas institucións, especialmente das locais. A memoria virtual é fermosa, pero a memoria física, a que se toca e se vive, precisa máis ca un clic.


Aquí, tamén o propio concepto de “migración” mudou de camiño. Antes fomos, e aínda somos, un pobo de emigrantes. Hoxe en día, non se pode negar, somos tamén terra de inmigrantes. A palabra ten agora un dobre sentido, unha viaxe de ida e volta conceptual. Este museo debería servirnos de espello: para lembrarnos de onde vimos cando miramos aos que chegan. Para entender que a integración que pedían os nosos avós é a mesma que hoxe nos demanda esta nova veciñanza.


No fondo, todo se resume nun desexo profundo e compartido: o retorno. Non só o físico senón o simbólico, o emocional, o que nos reconcilia coa nosa historia. Este museo é metáfora acaída do noso tempo: un lugar sen paredes, mais con memoria; un espazo onde os recordos poden volver, aínda que as persoas non sempre podan facelo. Benvida a tecnoloxía se serve para reconstruír aquilo que a historia deixou sen arquivar, para darlle casa á nosa identidade dispersa. Este museo virtual é unha fiestra aberta ao país que levamos dentro. Porque onde hai memoria, hai futuro.

Constelación

Te puede interesar