Sen dúbida algunha, o consello de que un bo ataque é mellor cá defensa é tan válido para a práctica deportiva ou iso que con eufemismo chamamos “arte da guerra” para suavizar a maldade do asunto; e tamén para o que atinxe á conservación e normalización do noso idioma, a lingua galega que nos outorga identidade e personalidade de pobo diferenciado no universo das civilizacións planetarias.
Por iso, non se pode ignorar a rápida e cambiante transformación dos medios de comunicación e de relacións sociais nun mundo que nos desborda acotío pola vertixe das mudanzas e a irrupción das novas tecnoloxías nas nosas vidas. Daquela, non aproveitar a vantaxe que ofrecen algunhas das canles máis usadas é abandonar os lugares de uso e consumo dunha boa parte da poboación, especialmente das máis acaídas aos novos hábitos da mocidade, sector no que a perda de uso da nosa lingua está a mandar continuados e imparábeis avisos de alerta vermella. Convén ir ao ataque.
Velaí a magnífica iniciativa de dúas alternativas que se van consolidando como certames audiovisuais de base, pola utilidade a prol da extensión do idioma, nos últimos anos: Yotubeiras e Olloboi. No primeiro dos casos, organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. E, no caso último, un festival audiovisual de curtametraxes dirixido a todos os niveis educativos, organizado en Boiro por unha asociación cultural sen ánimo de lucro; iso si, coa colaboración de moita veciñanza, cineastas cómplices, o Concello de Boiro e a Deputación da Coruña. Altruísmo.
Proxectos, ámbolos dous, que recuperan a normalidade case que plena após da situación especial que representou as limitacións no tempo da pandemia sanitaria do Covida-19 que, aínda campante, agora semella estar agochado nunha invisibilidade que permite atreverse con todo aquilo que non se poido facer nestes últimos anos. Daquela, Olloboi, o festival de cine escolar, ten previsto celebrar nos próximos días a súa nova edición, coa realización de curtametraxes ao vivo en Boiro; e, aparte doutras moitas cousas, actuacións e obradoiros, como é logo, a gala de entrega de premios entre as 118 pezas que entran a concurso, realizadas en máis de corenta centros de todo o país. Récord.
Youtubeira, innova coa pretensión de “favorecer a visibilidade a través da web e das redes sociais do proxecto, propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na procura de contigo dixital en galego”. Buscan unha aposta particular polos videotitoriais, co obxectivo de sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan as súas creacións para resolver problemas do día da día da xente. Fomentar a creatividade audiovisual galega en favor do idioma.