O día no que morreu Shakespeare

O Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor celébrase cada ano o 23 de abril, neste caso o próximo domingo, para promover o goce da lectura e o recoñecemento dos autores e autoras que contribuíron ao desenvolvemento da cultura e a ciencia. Esta data ten unha orixe histórica que se remonta ao comezo do pasado século, cando se propuxo aquí, no ámbito español, conmemorar o falecemento de tres grandes escritores: Miguel de Cervantes, William Shakespeare e Garcilaso de la Vega. Certo é que no caso do soado dramaturgo e poeta inglés, a quen se supón que morreu o 23 de abril de 1616, o mesmo día que cumpría 52 anos; o asunto ten controversia porque esta data foi cuestionada por algúns estudosos que sosteñen que o calendario xuliano vixente en Inglaterra nesa época non coincide co calendario gregoriano adoptado pola maior parte de Europa. Segundo esta hipótese, a data real da morte de Shakespeare sería o 3 de maio de 1616, dez días despois do que se cre. Tomémolo como humor británico. Aceptamos polvo como animal de compañía. 
 

Con todo, o primeiro Día do Libro celebrouse en Barcelona o 7 de outubro de 1926, coincidindo co suposto nacemento de Cervantes, por iniciativa dun escritor valenciano. Posteriormente, en 1930, cambiouse a data ao 23 de abril para coincidir co aniversario da morte dos tres autores mencionados, sexa verdadeira ou formal que para o caso dado é indiferente. Máis tarde, en 1995, a UNESCO adoptou esta data como o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, co obxectivo de fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual por medio dos dereitos de autor.
 

Desde entón, cada ano celébranse en todo o mundo diversas actividades culturais relacionadas cos libros e a lectura, como feiras, exposicións, talleres, lecturas públicas e outros eventos. Ademais, elíxese unha cidade como Capital Mundial do Libro para manter o impulso das celebracións ata o 23 de abril do ano seguinte. Sen dúbida algunha, esta data  é unha oportunidade para valorar o poder máxico dos libros, que nos permiten viaxar polo tempo e o espazo, conectar con outras persoas e culturas, ampliar os nosos horizontes e estimular a nosa creatividade.
 

O día do libro é unha ocasión para celebrar a cultura, a creatividade e o coñecemento que nos brindan os libros. En 2023, o lema elixido para conmemorar esta data é “ler é vivir máis”. Con este slogan quérese resaltar o valor da lectura como unha forma de enriquecer a nosa experiencia, a nosa imaxinación e a nosa comprensión do mundo. Un convite para descubrir o poder dos libros para enriquecer mentes, o espírito e á sociedade. Ler abre as portas a outros mundos, permite coñecer outras culturas, fai reflexionar sobre nós e sobre a contorna que nos rodea. Ler axuda a desenvolver a imaxinación, a creatividade e o pensamento crítico. Ler conecta con outras persoas, fai que sexamos máis solidarios. Ler fainos máis libres. É día para agasallar un libro e unha rosa.

O día no que morreu Shakespeare

Te puede interesar