Djokovic, pasa pa’ casa

Aínda sen saber como rematará o affaire Djokovic en Australia, que todo pode pasar, todo apunta a que non hai excepción que valga nin xustifique que xogar ao tenis protexe contra o virus máis que conducir unha excavadora ou administrar unha empresa. Así que, por moito que exista quen crea que funciona (ou que debe funcionar) a vella pregunta de “vostede sabe con quen está falando?”, a realidad é que Djokovic non xogará un torneo de tenis en Australia porque non cumpre as medidas Covid. E punto.

Toda persoa debe ter dereito a non vacinarse, aínda que poidamos entender que é unha conduta irresponsable ou insolidaria. Incluso nalgúns caso froito da ignorancia. Iso implica que debemos garantizar os seus dereitos coma cidadáns. Pero nin un milímetro máis. Nada obriga a extender facilidades ou permitir excepcións. Un traballador serbio que quere traballar conducindo un camión en Australia debe cumprir as normas Covid australianas, e seica hai quen cre que iso non debe ser así para xogar ao tenis profesional. Non existe o dereito a cear nun restaurante ou a ir a un cine. Por tanto non hai nada que facilitar, máis alá do imprescindible, a quen non facilita a vida dos demáis.

Queda por diante, xa por unha cuestión de imaxe e de credibilidade para o tenis profesional, saber que tipo de exención se pretendía facer con Djokovic. E saber por que. Moito me temo que a explicación non é sanitaria, e nin sequera deportiva (que tampouco valería), pero o do negocio en torno ao deporte é para outro día.

O caso está en que precisamos bos exemplos como sociedade, para difundir e para convencernos de que sabemos convivir en sociedade. Australia fixo un puntazo, xogo, set e partido. E o que lle queda a Djokovic, fabuloso tenista, é marchar para casa e pensar se a súa tozudez ten fundamento científico ou beneficio real. Ningunha das dúas. Agardemos que o entenda

Djokovic, pasa pa’ casa

Te puede interesar