Fito histórico na industrialización, modernización e avance social; o 15 de setembro de 1873, Carril, daquela puxante concello soberano, hoxe en día parte sobranceira do de Vilagarcía, viviu unha xornada desas que fan historia solemne: A inauguración oficial da liña ferroviaria que unía a súa estación do tren coa de Cornes, nesa época parte do territorio municipal de Conxo; actualmente integrado no de Compostela. Memoria, pois, do primeiro ferrocarril galego e dun dos pioneiros na península Ibérica. Preto de cento cincuenta anos atrás que xa petan na porta da conmemoración dun aniversario que debe permitir a reflexión sobre a importancia de preservar e pór en valor o patrimonio industrial, e dentro del o ferroviario, parte esencial da nosa personalidade colectiva.
Ocasión para facer pedagoxía dun proxecto coa áncora botada moitos anos atrás, partindo dunha orde ministerial de Fomento, en 1852, e pasando unha década máis tarde pola creación da Xunta Ferroviaria coa finalidade de fundar unha compañía que construíse unha liña férrea entre Santiago e o mar de Arousa; operación liderada por un grupo de devanceiros no que destacou Domingo Fontán, o recoñecido cartógrafo, logrando poñer a primeira pedra da liña, en Carril, no 1862. Porén, un ano máis tarde, transferíase a concesión a unha nova entidade denominada “Real Sociedade do Ferrocarril Compostelán da Infanta Dona Isabel de Santiago ao Porto de Carril”, extenso nome de pretensión moi descritiva coa que se designou á esta mítica vía ferroviaria que século e medio máis tarde continúa a prestar, daquela maneira por certo, un fundamental servizo no transporte da xente.
Na materialización deste proxecto que durou case un cuarto de século para sortear os atrancos e dificultade que enfrontou a súa materialización foron sucedéndose persoas no liderado da operación que marcaron a súa persoal pegada, especialmente nos doce anos da construción dun trazado de 42 quilómetros con dous túneles importantes, outros tantos viadutos para sortear os ríos Ulla e Sar; e sete estacións.
Por iso, a iniciativa foi derivando ao control pola experiencia traída doutras latitudes, casos do enxeñeiro John S. Mould, inglés, asociado con Camilo Bertorini, italiano, e outros que soportaron as dinámicas empresariais das relacións interna de poder con relevos e mudanzas.
Coa posta el marcha dos trens por esta liña, chegaría a extensión a outras localidades, o relevo no control das sucesivas empresas concesionarias, “Ferro-Carril Compostelano” a The West Galicia Railway Company Limited e outras na que esta foi integrada. Tamén as histórias e mitos da época sobre a locomotora alcumada “Sarita”, o Tren de Varela e, no literario, a relación das persoas que conectan cos relevantes autores literarios Camilo J. Cela, Valle-Inclán e aínda outras cousas máis.
Tempo por diante, a do ano de aniversario, para rescatar, restaurar e poñer en valor este patrimonio inmaterial que debería servir para crear un tren de época que recree o percorrido histórico do TeBes.