Fai turismo por conta da xente

Esta semana están de turismo pagado por todos nós dous concelleiros do goberno local. Un marchou ao País Basco e Navarra, seica para aprender a coñecer novos modelos de recollida de residuos. O outro non foi capaz de explicar que é o que ía facer durante a súa viaxe financiada por todos vostedes.


Vexamos o asunto da viaxe. O concelleiro responsable da limpeza acaba de licitar un servizo de recollida despois de anos esperando para facelo. En teoría, vaise implantar antes de que acabe este ano. O concelleiro que viaxou desatendeu demandas do noso grupo como a retirada diaria de colectores, métodos de premio para quen recicle, vehículos eléctricos, e unhas cantas máis. Todas rexeitadas polo goberno local. O goberno presume de ter decidido o seu modelo de reciclaxe, entón a conto de que o concelleiro afoga á cidadanía con notas de prensa sobre modelos máis beneficiosos na recollida de residuos. Pura palabrería e propaganda porque ningún destes modelos vai poder ser implantado porque a concesión de servizo é para os próximos 25 anos. Se xa está todo decidido, cal é o motivo da viaxe? Se non é para aprender, ten que ser para facer propaganda e turismo municipal.


No caso do concelleiro de Turismo, participa en El Ejido nun encontro de xestores da rede de destinos turísticos intelixentes. Vilagarcía está adherida a esta rede pero é obvio que non é destino turístico intelixente. Non o é porque entre os requisitos para ser un destino intelixente hai que garantir unha mellora da calidade de vida dos seus cidadáns, mantendo en perfecto estado as infraestruturas. Este requerimento é practicamente imposible de superar para o goberno local de Vilagarcía, incapaz de manter o espazo urbano da cidade nun estado minimamente aceptable.


Así que estamos ante dúas viaxes que, finalmente, son un gasto oneroso para toda a cidadanía de Vilagarcía. Non hai motivos para ir, excepto gastar o que non hai. Pero desde o punto de vista da política e da administración pública aínda hai outro elemento máis a ter en conta. Cando o membro dunha corporación viaxa por conta pública ou fai visitas institucionais, debe dar contas desa viaxe, da axenda mantida, dos contactos realizados. E ademais, debería ser obrigatorio avaliar os resultados desas viaxes. Ningunha das actividades realizadas por este goberno conta cun mínimo plan de valoración de resultados. Dar a coñecer os resultados destas viaxes e avaliar os seus resultados sería desexable para que a cidadanía non pense que o que se está a facer é pasear.

Fai turismo por conta da xente

Te puede interesar