A frivolidade

Cando tes maioría absoluta e a concepción política dun publicista, podes acabar caendo na frivolidade de pensar que gobernar é aquelo que cabe nun titular. Se revisamos estes case sete anos de goberno do PSOE, os anuncios de investimentos son moitos, pero tamén son moitos os que se retrasan, se eternizan, se anulan ou, simplemente, quedan no limbo. A consecuencia disto é que, nun contexto no que as arcas municipais –regadas con millóns por outras administracións- teñen máis recursos que nunca, as melloras para a vida da veciñanza non gardan proporción ao número de titulares nin, tampouco, á expectativa. Se pensas o teu goberno como unha maquinaria de propaganda, pode acontecer que erres no máis importante: a xestión. A continuación figuran algúns exemplos que poden axudarnos a ilustrar esta circunstancia.


Os despistes: investimentos que se anuncian, pero non se orzamentan. O Concello de Vilagarcía anunciaba o 15 de febreiro de 2019, meses antes das eleccións municipais, que dotaría á Escola Unitaria de Aralde dunha cuberta para que a cativada puidera xogar no patio os días de chuvia. Nin nos orzamentos de 2019, nin nos do 2020, o Goberno Local acordou reservar unha partida para dita cuberta, igual pensaron que co titular bastaba para que os nenos e nenas se resgardasen da chuvia. A finais de 2020, a ANPA perdeu a paciencia e recordoulle ao PSOE o seu compromiso. Dende Podemos-Marea da Vila reunímonos con elas e preparamos unha moción para debater en pleno. Finalmente, o PSOE -remexendo en sobrantes de outras partidas- conseguiu a frioleira dos 22.600€ -nótese a retranca- nos que se orzamentou a cuberta. A xestión do Goberno Local fixo que un investimento anunciado en febreiro de 2019 estivese listo en agosto de 2021. E iso que só era a colocación dunha cuberta.

As repeticións: licitacións baleiras. Isto quizais é menos coñecido pero estase a converter en recorrente. Ultimamente, non hai licitación que a este goberno lle saia á primeira. O caso máis relevante, se atendemos á cuestión económica, é o da piscina. Un dos anuncios estrela do Goberno Local de cara á campaña electoral e un deses que debeu quedar esquecido nun queixón ao rematar -ata que dende Podemos preguntamos que pasaba- e que agora parece medio gafado. Eu xa perdín a conta das veces que saíu a licitación, pero neste mesmo diario falaban dunha terceira xa en setembro de 2021. Nas anteriores o concurso quedou deserto. Unha recente resolución da alcaldía prorrogaba o prazo de presentación de ofertas deste terceiro intento. Non parece un bo precedente, e todo caso, o prazo remata o próximo luns.

Algo parecido está a pasar coa licitación do Vaibike, que se tivo que repetir polo aumento dos custes. Quitouse de novo novembro e en decembro o Concello comunicaba que dúas empresas competían por facerse coa adxudicación da subministración do material. Sen embargo, é estraño que en marzo aínda non coñezamos a resolución da mesa de contratación. Cómpre recordar que logo quedaría por licitar a xestión do servizo. A este paso, parece difícil que estea en funcionamento para este verán.

Os arrepentimentos: investimentos de quita e pon. O Goberno Local fai anuncios que engordan as partidas cara a aprobación dos orzamentos, pero pasa o tempo e deciden que ese investimento, que inicialmente era fundamental para Vilagarcía, xa non o é tanto. Ravella adxudicou en outubro de 2020 un préstamo de 1.700.000 € a Liberbank para distintas cuestións, entre elas 100.000€ para a creación dun “punto de encontro familiar”. Finalmente, en xuño de 2021, a través dunha modificación de crédito, eses 100.000€ destináronse para outra finalidade. Este é un exemplo pero, repito, é unha práctica frecuente do Goberno Local amparado nunha maioría absoluta que lle propicia a posibilidade de cambiar o destino das partidas a través de modificacións de crédito. Seguramente, de ter que buscar apoios noutros partidos non actuaría con tanta alegría. A consecuencia é que os orzamentos que aprobados en pleno se parecen moi pouco aos que se executan, dificultando así a súa fiscalización por parte da oposición.

Esta é só unha escolma de grandes anuncios, que se solapan uns aos outros, pero que, ou non chegan ou se eternizan. Falta de planificación, ineficacia, ou, simplemente, vagancia...? Quizais unha combinación de todas elas. En todo caso, asistimos á contradición dun PSOE que improvisa, pero presume con frecuencia de “modelo de cidade”. Por suposto, un concepto que queda moi ben nun titular. Mágoa que a xestión o estrague.


A frivolidade

Te puede interesar