A gadoupa do tigre

Andamos entre celebracións e decepcións. A última, polo impacto popular, foi ese modo de estafa que representou o festival da televisión pública estatal. Si, esa que se financia con recursos tirados dos cartos que achegamos cos impostos tódolos cidadás, entidade que pola orixe á que se debe non pode permitir que un evento desta dimensión social sexa toda unha trama de roubo á xente que, na inxenuidade da súa capacidade de poder decidir un resultado, envía masivamente mensaxes e chamadas que teñen un gravoso custo económico. Non son gratuítos, non. Polo tanto, é igual ás moitas formas de estafa que proliferan nos últimos tempos, esas que por representar pequenas cantidades non se denuncian. Alén diso, e do innegábel aldraxe aos nosos dereitos lingüísticos e culturais; é intolerábel que, precisamente co noso diñeiro, se monte toda unha operación manipulada para encher de beneficios ao negocio privado que impón resultado.

Porén, entre as celebracións lembremos a versión dese vello rito ancestral dos pobos orixinarios da nosa contorna, agora baixo a conmemoración cristiá da Candeloria, a festa na que se “casan os paxariños”, día da marmota na tradición exportada ao alén mar americano, data de previsión meteorolóxica en base a valorar se neste día o tempo chora “a metade do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro”. Infalible.

Sen embargo, pola dimensión cuantitativa en miles de millóns de persoas implicadas, a grande festa está no oriente, moi ao lonxe da nosa latitude, coa metáfora icónica orientada ao pé dalgúns animais, provistos de unllas fortes, curvadas e aguzadas dispostas para apresar e esgazar nesa acción que coñecemos por gadoupa. É o caso do tigre, mamífero carniceiro da familia dos félidos de tamaño máis grande ca o león. E definitiva, un animal de poderío e garra. Feroz depredador.

Por iso, na cultura oriental, é símbolo de valentía, forza e amabilidade; un animal que espanta a mala sorte. Daquela, na súa versión de Tigre de Auga, o pobo chinés, de acolá e tamén o de aquí, veñen de comezar o seu aninovo coincidindo coa segunda Lúa Nova que sigue ao solsticio de inverno, respectuosos cos ciclos da natureza pola que, a diferencia da rixidez que para o mundo occidental impón o calendario gregoriano, eles inauguran e rematan cada seu ciclo anual de xeito dinámico en diferentes datas. Xa que logo, estes días andan nas conmemoracións familiares e festivas co rótulo de Festa de Primavera, friaxe aparte, coa faciana icónica da chegada do novo, dun tempo de trocar agasallos, comer en familia ata fartar cheos, estoupar moitos foguetes e artefactos de pirotecnia para acompañar a troulada nas rúas adornada con faroliños e compartir ledicia e baile, especialmente nesa rolda colectiva chea de cor que se coñece polo dragón.

Gadoupas de tigre, metáfora da estafa popular feita por ente público coa complicidade política.


A gadoupa do tigre

Te puede interesar