Historias para escapulirse

Escapulirse, pretérito imperfecto do verbo pronominal escapulir é, no sentido figurado, significación de escapar dun sitio con disimulo para non ser visto. Tamén quere dicir que coa súa acción conseguimos quedar libres de algo ou alguén, que pode constituír un problema, unha molestia, un perigo; en calquera caso, unha situación desagradábel. Velaí a metáfora de liberdade, de autonomía e de capacidade para sortear as trampas coa se atopan as persoas neste mundo terreal; as propias e as do ambiente creado polo universo informativo que tende a pór foco en noticias e comportamentos froito da maldade humana, no canto de loar a bondade que habela, haina entre a máis grande parte da xente, malia que semelle agocharse no fondo do mar salgado.

Daquela, para construír mundos parellos no que gozar de felicidade e benestar, foi do máis atinado a mensaxe escollida para celebrar o pasado Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil: As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día. Nada máis certo. Porque “ler é liberdade, ler é respirar”. Ler permite ver o noso mundo con ollos diferentes e convídanos a habitar mundos que nunca imos querer deixar. Ler permite ao noso espírito soñar. Os libros son amigos para toda a vida. O universo propio medra cando se le. As historias son menciña para un mundo mellor e máis luminoso; curan e reconfortan, ensinan e inspiran. Precisamos de libros que nos falen ao espírito, ao corazón e á mente; de historia que nos axuden a estar vivos a diario.

Consideracións, as anteditas, que veñen no manifesto canadiano, país a quen lle tocou elaborar os materiais para promocionar os bos libros infantís e xuvenís nesta conmemoración reivindicativa e divulgativa que, como cada ano dende 1967, organiza o IBBY, Asociación Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, tomando como referencia a data de nacemento de H. Christian Andersen.

GALIX, asociación galega do libro infantil e xuvenil, é parte fundamental, no noso ámbito cultural e lingüístico, desta organización internacional na súa misión de promover o entendemento universal a través dos libros para a infancia e a mocidade, facilitando a nenos e xoves as oportunidades necesarias para acceder a libros de calidade literaria e artística. Favorecer a publicación e distribución dos libros para este nivel de idades e darlle axuda a quen traballa con eles, especialmente nos centro de ensino aos educadores, docentes e mestres que teñen un papel relevante á hora de crear hábito de lectura e valores relacionados coa literatura. Algo que tamén precisa da investigación e da publicación de traballos no campo da publicación para xente nova.

Sen dúbida, a última celebración do Salón do Libro que vén de celebrarse en Pontevedra, é boa mostra do magnífico traballo que está a realizase nesta materia; sumándose a manchea de premios, aquí e acolá fóra do país, recoñecendo a excelencia do libro infantil e xuvenil en galego.

Historias para escapulirse

Te puede interesar