Identidad colectiva no deporte

Desde a historia, desde os soños desta terra ancestral. Pois, somos unha nación: Seleccións galegas, xa. Porque temos o dereito a ter nivel oficial nos deportes colectivos de ámbito internacional. Sentimento de autoestima para a nosa nación, queremos manifestalo arredor da selección. Co galego por bandeira de cultura e tradición; xa, por fin, acadaremos plena normalización. Xa van cen anos de historia, futbolística razón para termos na memoria cal é a nosa selección. E que saiban os que mandan que non imos permitir que nos furten, ás e aos galegos, o dereito a competir. Seguiremos cara adiante, non nos poderán calar, para así con esta loita de opresións, nos liberar. Escoitade o noso berro, berro de liberación: Na Galiza temos claro, un Pobo, unha selección”. Velaquí a letra do himno deportivo composto e interpretado por unha manchea de artistas musicais, sobranceiros representantes da melodía galega actual, sintetizando perfectamente os argumentos da campaña levada a cabo por “Vía Galega”, plataforma social en defensa dos dereitos nacionais que nos corresponden, desenvolvida baixo o lema “Galiza, un Pobo, unha selección”, conformada por un manifesto, a edición dunha revista, a publicación dun xornal e de catro exemplares dunha exposición itinerante que rotará por trinta concellos do País.

Esta iniciativa é do más atinada e necesaria, lembrando que estamos a pique de conmemorar o centenario da primeira selección absoluta galega de fútbol, e diante da prohibición de participar en torneos oficiais malia a discriminación evidente que se pode ollar a respecto doutros territorios idénticos, casos de Escocia ou Gales, habituais nos torneos da Eurocopa ou do Mundial de fútbol; mesmo pola inacción das federacións territoriais deportivas, propias ou delegacións estatais, que non procuran nin sequera encontros amigábeis, actuando así cunha evidente complicidade cos responsables políticos do Deporte Galego, manifestamente incómodos diante desta posibilidade.

Porén, as seleccións nacionais deportivas representan a todo un pobo, danlle acougo a un sentimento colectivo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a un país. Afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social, pois o deporte no só e fonte de saúde, tamén axuda a vertebrar a sociedade e tende lazos de amizade e solidariedade.

Galiza no deporte, como noutros ámbitos, brilla con luz propia. Mágoa é que pola súa dependencia deportiva de decisión alleas, fique eclipsado o seu historial e palmarés, e incita a unha percepción da realidade alterada sen que nos recoñezan como comunidade con personalidade de seu. É hora de exixir modificacións normativas para que Galiza dispoña de competencias plenas para poder organizar e competir, sen restricións, no deporte internacional coa súa propia cor, cos nosos cánticos, entoando o noso himno e izar a bandeira azul e branca.


Identidad colectiva no deporte

Te puede interesar