Ímola virando

Repaso as verbas que veño escribindo nestes últimos anos en tal espazo coma este e chegadas datas coma estas e comprobo que, lonxe de ser orixinal, xiro sempre en torno á mesma idea. Para reforzar isto de ser pouco orixinal acabo lendo en case todos os textos a mesma cita de que “non hai vacina contra o optimismo”, escrita por Benedetti hai décadas e que nestas letras apareceu xa antes de 2020, o que a converte nunha premonición que non se sabe se boa ou mala.
 

Mais a realidade é que non é sinxelo saírse dunha convicción tan profunda como que a vida é demasiado curta e precisamos optimismo para aproveitala a fondo. Especialmente os que somos absolutos privilexiados por poder recordar infancias nas que nunha nos faltou de nada e fomos ensinados en que nada innecesario nos debía amolar. Tivemos adolescencia tan única como a de todos os demais e podemos hoxe viaxar, desfrutar, durmir quente todos os días e permitirnos o luxo de sentirnos felices todo o que podemos. Como conta aquel, non cabe queixarse que tampouco desconta en Facenda.
 

Así pois valga este inventario para despedir un ano en que parece que superamos definitivamente a pandemia e retomamos a vida natural. Foi o ano en que se despide Serrat (T´estimem, mestre. Gràcies per tot), e fóronsenos Pablo Milanés, Jerry Lee Lewis ou Angela Lansbury que deixou aínda moitos crimes por escribir. Carlos de Inglaterra foi coroado, e non foi sen tempo. Foi o ano de Messi, merecido por fin, e das remontadas do Real Madrid. España gañou ao baloncesto, que empeza a non ser noticia, e no mundo xa somos máis de 8 mil millóns de persoas que vivimos en profunda globalización da desigualdade. 
 

Pasaron moitas máis cousas, moitas delas moi graves, pero estamos en tempo de escoller no que pensamos e, aínda que sexa por uns días, ímonos permitir adicar máis tempo á xente que temos canda nós que aos que nos amargan a vida dende máis lonxe. Para o ano que vén fagamos promesas, pero sobre todo sigamos empurrando por intentar non desfalecer na idea de ser un chisco máis felices. Para que cando nos pregunten como nos vai podamos usar a maneira máis divertida de ser optimista que é ser galego, contando aquelo de: ímola virando.

Ímola virando

Te puede interesar