In memorian Peregrina Prol Fernández (1932 -2022) Gina A Peixeira

Era habitual vela polas rúas, camiñando lixeiramente, con abundante peixe sobresaindo por enriba da patela sobre un pano enroscado a modo de base enriba da cabeza; servíalle de apoio para equilibrala sobre unha columna que debeu padecer o desgaste do peso e da vida. Chegou un día en que deixei de vela, non sabería dicir con exactitude nin que día nin de que ano; simplemente deixei de sentir a súa presenza igual que se van silenciosamente as persoas que forman parte da túa contorna cotiá, un día faltan e a ausencia vaise facendo mais grande ata que unha data amence golpeándoche na costas, clamando a súa presenza. Antonte foi ese día.


Gina, a peixeira, foi unha desas mulleres curtidas no sacrificio do traballo intenso de todas aquelas que están vinculadas ao mar; unha muller que transcorreu gran parte da súa vida entre a lonxa, o mercado e as infinitas portas dos veciños que se abrían á chamada para mercar a pesca fresca do día; que andivo a infinidade dos camiños co peso da patela sobre as súas costas máis aló do Grove, máis aló de Noalla, ata as portas de Castrelo; que deixaba as bágoas do salitre no po dos seus zapatos e a suor da fronte no pano enroscado da cabeza.


A recordo falando coa miña nai, como tantas veces. As dúas na porta, outras na cociña, no portal; inmersas na conversación comercial dunha que quere vender e a outra que quere comprar. A miña nai con afectuoso agarimo:


- Giniña que traes hoxe?

- …..

- Pero Gina, non traes pesa?

- Non te preocupes muller, non te preocupes…


E porque habería un de preocuparse se detrás daquelas mans que collían o peixe con asombrosa axilidade, non soamente había a experiencia de calibralos con só axitalos na man mentres os ía depositando no recipiente da compradora, senón tamén, a honradez da persoa que na súa xusta medida, xamais deixaba por debaixo do peso o que a outra persoa lle mercaba. Así era Gina, unha muller honesta e honrada que tantas veces observei en silencio, como un figurante ante unha escea que foi modelo dunha época da que ela, foi a derradeira testemuña e exemplo.


O equilibrio dás cargas sobre a cabeza e a infinidade de quilómetros tiveron que resentir forzosamente a columna daquela muller emprendedora; de ese tipo de muller que hoxe en día consideramos mulleres forxadas na rudeza da vida, esa que non lles deixou mais oportunidade que o sacrificio e a ferrea vontade de avanzar para sacar adiante soa a catro pequenos.


Mulleres de Ferro como lles denominou Jose Luís Teófilo na publicación do libro “As peixeiras de Vileixoan”…ese “labor calado e de calado” dunha muller que coidou catro cativos, e que non deixou de traballar e aforrar para darlles, estou seguro, unha mellor vida da que ela tivo. Unha loitadora do porto do Grove.


Na vila de Portonovo, o afamado escultor Alfonso Vilar, inmortalizou a labor das peixeiras cunha soberbia escultura dunha delas sostendo a cesta cunha man, mirando ao mar ergueita sobre unha pedra en actitude de movemento. No Grove, non tiñamos un monumento que as homenaxease porque ata hoxe, en realidade, nunca nos fixo falta; o noso, forxado na vontade do ferro, estivo presente durante moitos anos, vivo, enérxico na porta de moitos dos nosos domicilios. O cansazo e a tardía xubilación deixou paso a unha ausencia nas rúas, nas portas e onte, a un silencio perpetuo.


Que o ceo que navegues nas ondas do mar de Arousa che devolvan co mesmo esforzo merecido, o descanso eterno.


Adicado a toda a familia e, especialmente, a Peregrina, Olegario e Mari Carmen.


Francisco Meis, Historiador do Grove

In memorian Peregrina Prol Fernández (1932 -2022) Gina A Peixeira

Te puede interesar