Incluso para pedir hai que saber

Mentiría se digo que me sorprenden algunhas aparicións en prensa con aires de políticos sensatos e responsables falando do que piden...aos demais. Pero non podo mentir así que terei que contar que me produce algo de sonroxo. Nesta última semana vin a algúns representantes do PP arousán (ou o que queda del) moi enfadados porque o malísimo goberno de España non puxo unha partida específica para afrontar a transformadora e revolucionaria medida de cambio social que é...unha rotonda para acceder ao Hospital do Salnés.


A verdade é que unha rotonda aí facilitaría o tráfico, e estará ben cando se faga. Que se fará, estou seguro. Pero resulta ensordecedor que tal proposta congregue a tanto cargo público pelexando por saír na foto, pero nada se diga sobre o descenso do paro ou, se se quere falar de orzamentos, do inicio do que pode ser unha gran conexión para Vilagarcía e Caldas coa autopista para evitar tráfico urbán. Por poñer un par de exemplos.


Máis sonroxo me produce pensar que se a gran demanda que un partido aparentemente serio como o PP ten que facer sobre esta comarca é unha rotonda, igual é que non hai moita conciencia real do presente e futuro da comarca, nin moita idea sobre un proxecto social e económico para os case 100.000 habitantes que por aquí vivimos. Unha rotonda, esa foi a gran proposta.


Pero, por se fose pouco, non deixaba de preocuparme pensar que todo un partido que se di de goberno véxase tan preocupado por unha rotonda de acceso a un Hospital, pero ninguén logo fixera ningunha reflexión sobre que os orzamentos da Xunta de Galicia destinan partidas para todos os hospitais de Galicia...menos para o do Salnés. Se cadra iso si que merece unha reflexión, e diría que unha queixa máis grande que a falta dunha rotonda. Porque aí si que falamos de cuestións moi serias, e dunha sanidade que é un dos grandes problemas da xestión política hoxe en día. Claro que para facer iso habería que ter unha idea real do que se pretende, porque un pode esixir investimentos nun Hospital ou que se faga unha rotonda para acceder ao Hospital. É cuestión de prioridades, pero está claro que incluso para pedir hai que saber.

Incluso para pedir hai que saber

Te puede interesar