O debate dos impostos é unha trampa. Ou un truco de maxia. O importante non é saber se se soben os impostos ou se se baixan. O importante é coñecer a quen se lle soben e a quen se lle baixan. Eu, que son de esquerdas, creo nos impostos, na necesidade de que existan, de que sexan xustos, porque os impostos son os que nos permiten ter servizos públicos tan básicos como a sanidade e a educación.
Cando falamos de concellos e impostos, como é o caso de Vilagarcía, deberíamos saber para que serven os impostos que pagamos. Esta semana o goberno local vai aprobar algo ao que chaman “conxelación de impostos”. Na práctica, isto é unha mentira porque o que se vai aprobar incrementa a recadación en case un millón de euros. Isto que chaman “conxelación” subirá o recibo da auga un 10,8% e o IBI outro 10%. En definitiva, cada familia de Vilagarcía vai pagar o vindeiro ano nada menos que 1.600 euros en taxas e impostos. Moito máis do que gaña de media ao mes cada veciño ou veciña do concello.
Poderíamos dicir que un incremento tal sería aceptable se valese para ter uns servizos municipais de calidade ou se valesen para axudar aos desfavorecidos. Pero en Vilagarcía o incremento de impostos para todo o mundo vai servir para máis formigón, máis obras faraónica e máis propaganda do goberno no ano electoral. A subida de impostos é aínda máis ridícula ou máis penosa se pensamos que o goberno local deixa sen gastar cada ano entre dous e tres millóns euros. Estes cartos que quedan sin executar pola inoperancia do goberno local de Alberto Varela deberían valer para baixar impostos como o IBI ou taxas como a recollida de lixo ou a auga. Isto é o que proporei ao goberno porque esta rebaixa non vai provocar empeoramento do servizo porque o que hai que reducir contra as obras innecesarias ou a inmobiliaria de Paola María e o alcalde, na que Vilagarcía gasta cada ano millóns de euros en mercar terreos, inmobles e baixos. Inmobles que, na maioría do casos, acaban apodrecendo abandonados.
Pola contra, o concello debería destinar eses cartos que non é capaz de executar en incrementar as becas, sufragar o 100% do material escolar e o Plan Madruga as familias. Tamén debería valer para incrementar os servizos de transporte público ou mesmo crear emprego ou mellorar de maneira definitiva a nosa rede de sumidoiros e retirar o amianto da rede da subministro de auga. Porque si que hai onde gastar os cartos con aproveitamento para a cidadanía. Pero ningunha destas necesidades están entre as prioridades do grupo de goberno porque electoralmente son máis difíciles de ver.
Cando o goberno diga que vai conxelar os impostos, a cidadanía de Vilagarcía debe revisar o recibo da auga e o recibo do IBI para ver como minte o goberno municipal. Cando falan de conxelar o que fan é conxelar a economía da xente. Suben os impostos e o resto son as habituais mentiras do goberno e a súa forma tramposa de gobernar.