Julio Camba, suscriptor do ABC en Vilanova

As anotacións de don Pastor Pombo Regás e do seu fillo Pastor Pombo Ferro seguen iluminando algúns aspectos interesantes da vida social e cultural vilanovesa da primeira metade do século XX. Pombo Regás foi o primeiro mestre, o que lles ensinou as letras primixenias ós irmáns Camba, pero tamén rexentaba un estanco e librería onde vendía revistas e xornais que chegaban das principais cidades galegas e da capital de España. Entre os subscritores de periódicos que aparecen nos libros contables do estanco de Don Pastor atopamos por primeira vez a Julio Camba como abonado ó ABC en 1935. Nesa época pagaba 1 peseta con 25 céntimos.


Dos trinta subscritores de Prensa escrita que había en Vilanova de Arousa en 1935, oito aparecían abonados ó ABC, entre eles varios amigos de Camba como Ventura Portas, barqueiro que o trasladaba en gamela ata as praias do Terrón onde o xornalista practicaba nudismo. Tamén figuraban o médico rural Manuel Martínez Troncoso, presidente do Casino (Recreo Villanueva) e Benito Pombo, exalcalde vilanovés. Outros amigos non estaban subscritos o diario monárquico, pero mercábano cando Camba publicaba algún dos seus ben humorais artigos.


O 5 de xuño de 1937 volve aparecer Camba na listaxe do seu amigo Pombo, pero xa pagaba 3,90 pesetas, notable incremento de custe debido á escaseza de papel durante a guerra civil. En 1938 Camba mantívose de alta ata o 15 de xullo, data na que desaparece do libro, seguramente por emprender unha viaxe a San Sebastián onde visitaba ó seu amigo o pintor Ignacio Zuloaga durante a contenda fratricida.


En 1939 non figura como abonado, pero en 1940 reaparece subscrito ó ABC, dende o 1 de xaneiro ata o 19 de setembro en que viaxa a Lisboa. Na capital portuguesa un amigo médico diagnostícalle o síndrome de Meniere, que lle produce episodios de vertixes. En 1941 Camba figura por última vez como suscriptor do xornal ABC só durante os meses de xaneiro e febrero cando decide volver a Lisboa para recibir tratamento da súa enfermidade. Alí permanecerá cinco anos con frecuentes desprazamentos a Madrid, ata que en 1949 se acomoda de xeito definitivo na habitación 383 do hotel Palace.


Estas subscricións proban unha vez máis que Julio Camba pasou a maior parte da guerra civil en Vilanova, con viaxes a Lisboa, San Sebastián e Vitoria. Tamén se desprazaba a Cambados (visitas a Cabanillas, Asorey e marqués de Figueroa) e Vilagarcía (Clube de Regatas e Café de Poyán). Mantíñase ó tanto das incidencias da II Guerra Mundial escoitando a emisora BBC de Londres na casa dos Pombo. Con esta familia mantiñan amistade íntima os Camba dende os tempos da escola primaria (1891-92).


A maioría dos vilanoveses que recibían prensa periódica pertencían á burguesía da época: industriais da salazón, mestres, comerciantes, farmacéuticos e médicos. O vilanovés que máis subscricións posuía era o salazoneiro de orixe catalán Manuel Llauger. Outro fabricante salientable era Francisco Lafuente Torrón, amigo de Valle Inclán e dos irmáns Camba. Entre os subscritores habituais da época cítanse o tamén salazoneiro Antonio Pérez Lafuente, o médico Estanislao Peña, a mestra de nenas, Teodora Troncoso, e o farmacéutico Jesús Canabal.

Julio Camba, suscriptor do ABC en Vilanova

Te puede interesar