O laído da foresta

Era sabido pero non está de máis ver reiterada novamente esta mensaxe: A Organización Meteorolóxica Mundial das Nacións Unidas ven de advertir, outra vez, que as ondas de calor alongaranse polo menos en corenta anos máis, do mesmo xeito que se reducirán outras tendencias negativas no clima. Todo iso alén do éxito, pouco probábel, ou non á hora de mitigar o cambio climático. Para os científicos expertos desta organización o récord na temperatura alcanzada este verán non é máis que un chanzo do que está por vir coas consecuencias evidentes da súa grave incidencia en aspectos da saúde e mortalidade das persoas; e máis aínda na dos incendios.


Por iso, na grave vaga de lumes que están a queimar enormes superficies da foresta galega, en terras de O Caurel, Valdeorras e outras por todo o país galego, coa dramática situación á que se enfronta a poboación alí residente afectada por desaloxos obrigados dos seus domicilio e, peor aínda, pola irremediable traxedia de ollar a destrución das súas vivendas queimadas polos lumes, ponse en evidencia a necesidade urxente de mudar radicalmente a política forestal agora en vigor.


Do mesmo xeito que xa sucedera nos incendios de pasados anos, novamente reitérase o patrón dun perigo que ten dinámica propia e non é causa de man humana provocando delito. Non. A causa está nas condicións meteorolóxicas e na súa especial dinámica cando se enfrontan a masas arbóreas prestas a contaxiarse entre si os lumes, as pirofóricas eucaliptos e pinos que tanto gustan ás empresas centradas no negocio da pasta de papel. Esas que gozan do aval de simpatía e promoción nos ámbitos de poder económico e político que impoñen usos do monte. Obviamente tamén polo xeito de abandono dun monte cargado de biomasa coa que se produce a fácil mecha de inicio dun fogo que, coa grande seca creada pola altas temperaturas e nula humidade, chegan de fenómenos tan naturais como son as chispas e os raios das tormentas consecuencia tamén de situacións meteorolóxicas que se alimentan a si mesmas nestes aspectos destrutivos. Velaí eses fenómenos que se coñecen por túneles de lume ou tamén os “pirocúmulos” explosivos que crean as súas propias condicións de ignición e propagación do lume nunha situación que é material e humanamente imposíbel de apagar pola extensión, aínda que houbese medios infinitos de extinción, cousa que dista da realidade precaria actual. É innegábel, pois, que o comportamento dos incendios amosa unha dinámica na que non é válida a previsión e avance das súas dirección. Son incertos.


Daquela, é hora de virar en favor da xestión forestal no canto dos recursos á extinción de pouca eficacia na situación actual. Atender ao berro das fragas e bosques, dos montes, para evitar a súa morte, tal e como nos presaxia esa equipa internacional de científicos que veñen de crear a primeira base de datos global de mortalidade forestal nos últimos cincuenta anos, anticipando a mudanza das especies que serán máis resistentes, e menos pirofóricas, no futuro. Escoitar o laído da foresta.

O laído da foresta

Te puede interesar