As cantareiras, honrando á memoria múltiple de media ducia de mulleres galegas que destacaron nesta faceta, xunto a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2025 por acordo da Real Academia Galega poñendo así foco neste grupo representativo “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galiza coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións xa que elas foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. Ademais do antedito, para os académicos, con esta iniciativa que racha coa tradición seguida ata o de agora, escollendo un só autor ou autora con obra propia creada, “o vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música”.
Sen dúbida algunha a música e as cantigas son un dos principais vehículos da lingua e as que conteñen a súa memoria sentimental. A decisión da RAG, dedicando o Día das Letras ao cancioneiro popular galego é valente e, con ela, tende a man a unha manifestación da lingua moi afastada dos usos literarios que fundamentan a existencia dunha Academia. Porén, a realidade histórica ten constatado que foi precisamente a xente do común a que termou da existencia do galego durante séculos, e por iso xustifica plenamente a elección. É unha razón de xustiza porque “as mulleres que transmitiron esa tradición musical e literaria non só foron intérpretes, senón tamén compositoras. E esa literatura popular simboliza moi ben a supervivencia da lingua galega a través dos séculos: na intimidade, como algo que non debía saír demasiado cara a fóra e que non era contemplado nos cenáculos cultos”. Con todo foi así como se asegurou a salvación do noso patrimonio de identidade básico, o idioma. Por iso, o presidente das e dos académicos advirte: “É que a lingua non é só texto escrito: tamén está na música, no audiovisual... en todas partes. Hai que reivindicar unha visión da lingua máis conectada con todas esas formas de expresión”. O acordo académico refírese tamén ás novas xeracións de intérpretes e creadoras actuais que demostran que na propia esencia da poesía popular oral está evolucionar e cambiar. Desde os que recolleron cantigas directamente nas aldeas, como Fuxan os Ventos nos anos 70 e despois Milladoiro, até Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz ou, máis novas, Faia Díaz, Sés, Baiuca, Mondra, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Casandra ou as Tanxugueiras. Nesta lembranza non pode faltar mención ao “Cancioneiro popular galego”, obra de Antón Santamarina e de Dorothé Schubarth.
A crítica sinala que a decisión desta escolla é un erro, “sobre todo pensando en que do que se trata é de explicarlle á sociedade que hai autoras e autores en lingua galega cunha obra potente feita en clave literaria e en diálogo coas literaturas coetáneas do seu tempo”. Non chove ao gusto de todos.