Máis que brecha, gangrena

O vindeiro 17 de marzo, a Comisión de Dereitos das Mulleres do Parlamento Europeo votará unha proposta para implantar medidas sobre transparencia salarial, nun intento máis por acabar coa desigualdade entre traballadoras e traballadores; contemplando tamén a mellora no acceso á xustiza nos casos de discriminación retributiva. Porque sindicatos, organizacións sociais e entidades públicas coinciden en que a brecha laboral entre homes e mulleres segue perpetuándose e medra coa pandemia; algúns informes falan de que a grande maioría dos contratos temporais e as reducións de xornada son asumidas por nós, algo que vai máis alá do presente inmediato xa que repercute nas pensións futuras, agrandando e alongando máis aínda, se cabe, a precarización do emprego das mulleres. Outros fixan en máis de 5.000 euros ao ano o que ganan as mulleres menos que os homes. A brecha de xénero no traballo reflíctese tamén no número de excedencias para o coidado de familiares, que recaen tres veces máis nas mulleres.

Rompemos as barreiras nas grandes empresas avanzando na presenza en Consellos de Administración pero non así nas direccións ou nas presidencias; e así sumamos á brecha o teito de cristal anulador e abafante.

Brecha salarial, brecha de xénero, brecha laboral, máis que brecha isto é xa unha gangrena. Cando a ferida é recente leva un tempo a súa cura, e mesmo é conveniente agardar e ter paciencia, pero se perdura e non cicatriza, se se perpetúa e non se lle pon remedio, corre o risco de gangrena; e entón deberase cortar polo san, para evitar unha maior destrución.

Todos os postulados feministas esixen, unha vez máis, cambios na educación, na xustiza e nas medidas para seguir loitando contra a violencia de xénero, sen que isto signifique que non teñamos disensións e diverxencias. Algo normal, natural e mesmo necesario para avanzar como é a confrontación de criterios non é división senón reflexo de madurez dunha sociedade que para ser igualitaria non ha de ser homoxénea nin de opinión única. Mesmo sindicatos de diversa índole e condición, de cando en vez, son quen de unirse nas rúas baixo reivindicacións universais, aínda sen abandonar matices e bandeiras propias. O nesgo informativo que quere presentar este 8M como metido nunha crise debido a dous posicionamentos aparentemente incompatibles, reduce e clasifica as feministas en abolicionistas e regulacionistas, fustigando especialmente ás primeiras ou utilizándoas ás veces para lanzar dardos envelenados contra a ministra de igualdade; mesmo obriga as adscritas a tomar partido en cuestións sobre as que algunhas aínda estamos a construír unha opinión ben fundamentada. O debate que enriquece e nutre a ideoloxía do movemento non é unha brecha máis, senón o pegamento que non deixa físgoas por onde poida entrar a manipulación política e mediática do heteropatriarcado.

O retrato nalgúns medios do que está acontecendo na véspera da nomeada cita convén a certos sectores da poboación negacionistas e oculta a realidade contundente: a forza e solidariedade das mulleres, máis tamén o sufrimento que nos toca especialmente en escenario de guerra. Dende o Colectivo Feminista de Valga queremos lembrar nestes terribles días, ás compañeiras ucraínas que están arriscando a vida resgardando ás fillas e fillos das bombas, manifestándose publicamente tragando o medo baixo a bandeira, parando tanques á entrada de cidades e vilas, cantando o himno como salvagarda esperanzadora en horas de terror, organizando transporte de material de axuda dende aqueles países a onde, xa antes da guerra, tiveron que emigrar, acollendo a quen chega co posto a lugares incertos. Sobrevivindo.

Para desgusto de quen agarda o contrario, a discrepancia non creba a nosa unidade. Imos parar a cidade, coma no himno de Rigoberta, e facernos máis fortes unindo horizontes, como no grito das Tanxugueiras.

Máis que brecha, gangrena

Te puede interesar