Malestar social

Aestatística é unha especialidade que permite sacar conclusións sobre un grande grupo de persoas partindo da información obtida dun grupo máis pequeno, utilizando técnicas indutivas e facendo inferencias sobre a base de respectar o equilibrio entre o universo xeral e o grupo. É a “proba do algodón” no rigor dese conxunto de métodos deseñados para recompilar, procesar, analizar e interpretar datos numéricos ou contábeis con fin de describir os fenómenos colectivos e ampliar a descrición de certos fenómenos observados. Así e todo, nun mundo movido pola cuantificación, a respecto do proceso estatístico existen frases lapidarias que advirten do pérfido seu emprego como elemento de creación de estados de opinión pública, orientada a obxectivos moi interesados, facendo mesmo iso que realizada o Centro de Investigacións Sociolóxicas, CIS, para proxectar futuros resultados electorais: Cociñar respostas.

Daquela faise boa a sentencia constatando que “a estatística é unha ciencia que amosa que, se meu veciño ten dous coches pero eu non teño ningún, os dous temos un”, tamén expresada nesta outra consideración: “Hai dous pans. Vostede come os dous. Eu, ningún. Consumo medio: un pan por persoa”. Certo. Por iso sostense que “hai tres clases de mentira: A mentira, a maldita mentira e as estatísticas”. Máis aínda “se queremos que a xente crea algo, o único que temos que facer é organizar unha sondaxe que diga que tal cousa é así, e logo darlle publicidade, televisiva mellor”.

Porén, alén dos números oficiais que serven á propaganda dos gobernos de quenda, fican eses índices que apuntan nunha dirección diferentes, á da crúa realidade social. Entre eles, aínda resultando pouco coñecido e menos aínda divulgado, está o índice de malestar social, IMS, resultado de sumar a taxa de desemprego, a do subemprego, a da inflación e a de inseguridade. Os aspectos que máis grande angustia lle producen ás persoas e coas que a súa deterioración provoca un malestar xeneralizado na sociedade. O incremento destes indicadores implica tamén un custo económico e social para o país, que impacta en maior medida nas clases máis desprotexidas e de menores recursos. Un índice que mide o desgaste económico e social. Mal nos vai na medida. O malestar social no ámbito estatal español está no máis alto do podio europeo. Nos quince anos de traxectoria deste panel estatístico esta sempre foi unha constante porén é mal agoiro do futuro que nos agarda. Temor mesmo alertado polo FMI. Desacougante.


Malestar social

Te puede interesar