Manifestarse é bo para a saúde

Contan os malos dirixentes, cando hai unha protesta veciñal contra as súas decisións, que a xente é moi borrega e que se mobiliza porque lle pagan bocadillos, autobuses e non sei que cousas máis. A verdade é que sempre me fascinou esa tendencia fácil de disparar contra a intelixencia colectiva cando te protestan aínda que logo queiras pedir que te voten. Eu que sei, serán cousas da estratexia política moderna.

En Arousa sabemos ben o que é mobilizarse. Foron as constantes protestas, concentracións e reclamacións a berro aberto das nais desamparadas as que sinalaron o grave problema do narcotráfico e cambiaron a historia da nosa ría. Foi unha continuada e potente mobilización social a que conseguiu para esta comarca un Hospital. Foi unha manifestación enorme a que, nacendo dende esta comarca, parou a Lei de Acuicultura que ninguén (salvo algúns intereses de despachos e contas de resultados) quería. Hai historias para contar, de máis graves ás que parecen máis sinxelas, pero todas elas aglutinaron unha vontade social que, se non é escoitada e tida en conta pola vía formal, terá que ser atendida porque non quedan máis saídas.

Este verán a sanidade desta comarca sufriu o cumio da incapacidade de xestión. Xa viñemos sempre soportando as ausencias de médicos que non se cubrían, a precariedade de auxiliares ou enfermeiras que traballan nos centros de saúde ou o hospital. Pero este verán vimos como non era que había poucos sanitarios nos PAC, senón que non había. Non era que houbo poucos pediatras, senón que en moitos lugares xa quedamos sen eles (e o inverno vai polo mesmo camiño). Así se sobrecargan as urxencias dos hospitais, e así os profesionais non dan abasto. A comarca máis turística de Galicia sen médicos no verán. Parece o resumo dunha película mala de terror, pero o terrible é que foi verdade.

Non funciona facer catro cambios de sillóns, que parecen un xogo de mans de mago coas cartas. Arousa quere un trato digno, e na sanidade non está ocorrendo. Fronte aos que falan de solucionar o problema pero abarátanlle impostos aos máis ricos para non ter como pagar a sanidade, hai que protestar. Porque a nosa saúde está en xogo. Este venres Arousa volverá a manifestarse. Como cando pediu (e conseguiu que se inicie) un novo centro de saúde en Vilagarcía ou en Meis, como o que terá que chegar en O Grove. Debera ser por outra vía, pero quen dirixe o goberno que mal-xestiona a sanidade prefire este método. Pois sairemos á rúa. Porque manifestarse parece ser bo para a saúde.

Manifestarse é bo para a saúde

Te puede interesar