O mar non está ben

Foi hai un tempo que escoitei a un vello mariñeiro contarme tal cousa mirando o mar dende o porto de Rianxo. “O mar non está ben” dixo mentres apuraba un pitillo ao que non lle quedaba máis que media polgada. Contoume que hai anos a xente saia ao mar cedo pola mañá e volvía con boa pesca, suficiente para gañar un bo día de traballo e a tranquilidade de que mañá habería máis que pescar. Contábame que as mulleres ían ás ameixas, que por entón eran fabulosas e que habíaas por moreas. O mar daba bo traballo para moita xente.


Eu aínda lembro como o mes de outubro era advertencia de moito marisco. Despois da vendima en setembro, na que os rapaces gañamos os nosos primeiros xornais, o libre marisqueo era un tempo de traballo para a xente do mar onde berberecho e ameixa eran reinantes. Había cantidade, había calidade e vendíase ben.


Aquel home en Rianxo meteuse na conversa na que eu aprendía doutra xente do mar, para falar de que aquilo xa pasou e non volvería. Moi optimista non andaba. Pero a realidade vai dándolle a razón. Hoxe os Lombos, Cabío ou o Bohido non dan o que daban. Durante anos, no que cada vez a cousa parece esmorecer máis, hai moitas cabezas pensando no que pasa. Explicacións hai a moreas, pero precisamos saber con exactitude que está a ocorrer para saber, coa mesma exactitude, o que podemos (e debemos) facer. Podemos falar de cambios de salinidade (que provocou mortandades enormes de ameixa), do descontrol do embalse que verte sobre a desembocadura do río (sen coordinar con ninguén), da necesidade de dragar para facilitar as correntes (como piden as confrarías), de biotoxinas (que deixaron ao berberecho en situación preocupante) da depuración e saneamento das rías (polas que xa houbo multas da Unión Europea de varios millóns de euros)... Pero parece que non todo o mundo comparte esta idea. Escoitamos e lemos aos responsables de tomar decisións que non é certo todo isto, que é alarmismo e que o mar segue estando coma sempre e producindo coma sempre. Un ás veces non sabe onde meterse.


Pois así seguimos, intentando descifrar como é posible que se un senta no porto de Carril ou de Rianxo, a xente que leva toda a vida metida no mar conte estas cousas e quen ten que tomar as decisións diga, terra adentro, que non é así. Se cadra aquel home equivocábase e non era o mar o que estaba mal, senón que somos todos os demais.

O mar non está ben

Te puede interesar