Marisqueo: Non podemos deixar morrer o mar

ai anos que a ría de Arousa ven esmorecendo. Non é casual, e non empezou onte. Hoxe producimos notoriamente menos que hai unha década. Collamos algún exemplo cun produto estrela da nosa ría como a ameixa. No ano pasado entraron nas lonxas da ría en torno a 130 toneladas de ameixa fina e 165 de ameixa babosa, que renderon por algo menos de 4,5 e 3,5 millóns de euros respectivamente. No ano 2010 multiplicábase por 4 e por 5 cada recollida en quilos e superábanse os 10 millóns de euros en cada unha das especies (xa non nos paremos no que valían os euros hai unha década e o que valen agora).


Se vostedes observan o que pasa co mexillón, imos camiño de outro tanto do mesmo, e poderíamos falar do berberecho, que se puxo a prezo de ouro porque hai moi pouco e dificulta o atractivo para o consumo tan habitual.


Non se trata de lembrar ás avoas, moitas delas que contaban como o marisco nesta ría dábase por descontado e non se valoraba. Hoxe son produtos moito máis reputados, e iso é necesario. Permiten facernos un oco de referencia en todo o mundo. Pero de nada nos servirá se deixamos que se apague. Ano tras ano hai chamadas de socorro de todo aquel que vive do mar, que non son poucos e que significan para a nosa terra unha referencia vital e un sinal de identidade. Pero non hai ninguén que pareza atender esas chamadas de auxilio nos despachos que se toman as decisións. Non hai intención de dragar as rías, de abrir os canais dos lombos do Ulla, de axudar a implantar unha semente de calidade ben distribuída, de controlar ás ouxas que comen o pouco produto que hai para recoller, de non permitir aos encoros que inunden de auga doce cando lles pete e de investir decididamente en sanear as rías. Tamén haberá que ordenar a extracción, claro. E será preciso poñer límites e establecer máis control. O que faga falta. Pero o que seguro que non funcionará será mirar con soberbia e negar a realidade, que é o que fai unha Consellería do Mar que, curiosamente, hoxe non conta con ninguén da ría de Arousa (das rías máis produtivas do mundo, senón a que máis) en toda a súa dirección. Todo un síntoma.


Faláballes máis arriba de comparar co ano 2010. Permítanme que lles apunte agora cal é a principal consecuencia desta caída: no ano 2010 había en torno a 3500 permisos de marisqueo nesta ría de Arousa. Hoxe están reducidos á metade, e cada vez son menos. Tan difícil é ver dende Santiago que a ría de Arousa esmorece?
 

Marisqueo: Non podemos deixar morrer o mar

Te puede interesar