Mil festas, unha lingua

Andamos no verán e con el, como manda a tradición e o calendario parroquial, a explosión festiva que percorre Galiza de punta a punta. As festas populares son, sen dúbida, un bálsamo emocional, un antídoto contra a rutina, un espazo de encontro da xente onde se mesturan os vínculos familiares, as amizades de toda a vida e a paixón efémera. Son tamén, que non é pouco, un motor económico: xeran emprego, dinamizan o comercio local e enchen os bares como se non houbese un mañá.


Mais, por desgraza, o que non enche —nin sequera aparece en moitos casos— é ao noso idioma propio. A lingua galega, esa que debería ser columna vertebral da cultura que ten lugar na celebración da festa, con sorte queda relegada ao pregón, ao cartel (se non o deseñou unha axencia foránea) e a algún que outro “boas noites” que se lle escapa ao presentador entre canción e canción. E iso que hai anos, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística lanzou aquela acertada campaña: Mil festas máis para a lingua galega. Oportuna e idónea, si. E ignorada, tamén.


Porque se algo caracteriza moitas destas miles e miles festas é a súa capacidade para importar música, artistas e espectáculos que nada teñen que ver coa nosa realidade lingüística. E aquí entra a economía da festa: optando por contratar artistas que usen o galego, xerase unha economía circular que mantén os cartos no país, evita a emigración dos recursos cara a mediadores foráneos e, de paso, dá vida ao noso tecido cultural. E por se a algún erudito do campo da festa se lle escapa, si, tamén se pode bailar en galego. É moito máis agarimoso. Afortunadamente, o ritmo non entende de prexuízos, aínda que algúns parvos insistan en traducir a nosa identidade a un asubío alleo.


E non se trata só da lingua falada. A escrita debe ter tamén o seu peso, nos programas, nos carteis, nas pancartas… e nas etiquetas dos envases que circulan nas festas gastronómicas que definen á cultura popular. Se o viño, as conservas, os licores, o mel ou os doces forman parte do patrimonio culinario, resulta coherente que o etiquetado sexa en galego, facendo visible que Galiza ten sabor e idioma. Nese contexto, cómpre reclamar que se estableza prioridade ou trato preferente na exposición e venda dos produtos que incorporen etiquetaxe e embalaxe na lingua galega, especialmente en feiras e eventos gastronómicos e comerciais. Utilizar o galego neses ámbitos non é só cuestión de orgullo, senón unha maneira eficaz de reforzar as dinámicas económicas e culturais propias, fomentando un consumo que aposte pola identidade e pola sustentabilidade local.


O deporte, outro gran protagonista do verán, tampouco se libra, sabendo que o idioma é a pedra angular da identidade galega. Sen el, a festa é só ruído. Con el, é cultura viva. As festas populares son un campo vital para normalizar o uso social do galego. A festa, cando é nosa, sabe e soa mellor.

Mil festas, unha lingua

Te puede interesar