Mobilidade 2.0

Non hai moito tempo que a Xunta de Galicia, coa conivencia da dirección do centro, decidiu de costas aos alumnos e as familias do instituto do Piñeiriño trasladar a todos os alumnos da ESO e Bacharelato ao instituto de Sobradelo. Esta decisión, que supón una redución de servizos no Piñeiriño e unha aberración en termos de mobilidade, foi aplaudida por todos os grupos da corporación municipal, Vilagarcía en Común-Esquerda Unida, grupo do que formo parte, foi o único que se opuxo a esta decisión.


Hoxe, todos e cada un deses concelleiros que avalaron a decisión da Xunta do PP, deberían dar explicacións aos centos de pais e nais que descoñecemos a mes e medio do comezo das clases, se existirá o famoso transporte escolar ata Sobradelo e, no caso de que exista, onde e cantas serán as paradas nas que poderán subir e baixar o alumnado.


Non pasa nada, claro: estes concelleiros que aplaudiron á Xunta non terán que camiñar dous quilómetros en pleno inverno pola estrada nacional para ir a clase. Deixar que a rapazada camiñe todo o curso sen dicir nada é unha actitude persoal e política que aínda hoxe son incapaz de entender.


Vai sendo hora de que o alcalde traballe algunha vez e, diante da alarma evidente de que as paradas do Piñeiriño non estean incluídas na matricula para o vindeiro curso faga algo, descolgue un teléfono, fale coa Consellería e consiga a garantía deste transporte escolar. De paso, xa que está ao teléfono consiga a información que todos os pais e nais precisan. Sabemos que o alcalde é pouco amigo de traballar, pero agora toca si ou si.


Tamén estaría ben que a concelleira de Mobilidade explicase como casa cos camiños escolares seguros esta decisión de trasladar a máis de douscentos escolares por unha estrada nacional con tráfico constante, con tanta distancia, sen as condicións de seguridade necesarias. Se en realidade non son cousas contrarias. Tamén podería explicar se está a facer algo para incrementar as frecuencias e capacidades do autobús urbano que, de seguro, terá que asumir máis usuarios por esta nova situación.


Pero agora chega o verán e como se van poñer a traballar os concelleiros que xa non se moveron o resto do ano se chegou o tempo de descansar. O goberno local xa ten posto o cartel de horario de verán a pesar de que aínda nin se puxo cos problemas que non solucionou en inverno nin en primavera. E todo indica que vai deixar para setembro todo o demais. Como cando suspenden.

Mobilidade 2.0

Te puede interesar