lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Nieves Herrero lidera Podemos

Un dos feitos sociopolíticos máis relevante da nosa historia recente -e sobre o que existe moi pouca literatura- tivo lugar a principios da década de 1990, hai uns trinta anos. Refírome á entrada nas nosas vidas das televisións privadas. A irrupción de Antena 3 e Tele 5 en todas as casas resultou clave na mutación social que vivimos a fin de século no Estado español, que do rigor plural que transmitían as canles públicas pasou ao deschave bizarro e sen cortapisas das novas teles, trastornadas pola competición. 
 

Para resumir, digamos que aqueles anos 90 televisivos alimentábanse dun triunvirato que podemos definir como: frikis, mamachichos e delincuencia. Tres décadas despois, por moi incrible que pareza, eses tres factores dominan gran parte da nosa actualidade política. As polémicas sobre Eduardo Inda, a eurovisiva Chanel ou o irmán de Ayuso son simples evolucións daquela proposta. 
 

A persistencia da tele noventeira nas páxinas políticas de 2022 seguramente tamén se explica en que ese foi o marco onde se criaron algúns dirixentes actuais, en especial niso que se chamou “nova política”, agora en proceso de senectude acelerada. Poderíamos poñer o exemplo de Ciudadanos -que ata fichou a estrelas daquela televisión como Javier Nart ou Felisuco- pero xa a ninguén lle interesa falar dese merecidamente malogrado partido, así que prefiro centrarme noutro que me colle máis cerca no ideolóxico e coñecín bastante ben: Podemos. 
 

Non hai máis que ver uns minutos do espazo de tele-predicador que ten Pablo Iglesias nunha web para recoñecer aí o legado das cadenas privadas dos 90: o decorado cutre como o dos informativos de Carrascal; a verborrea desatada como a de Jesús Gil no jakuzzi, afortunadamente sen mulleres decorativas ao seu redor, un avance. Con todo, é na esaxeración onde atopamos a maior conectividade. 
 

Os televisores aínda catódicos dos anos 90 introduciron no país un novo tipo de socialización do medo. O alarmismo e as enormes audiencias estenderon un manto de pánico, sobre todo entre (ou mellor dito, contra) as mulleres. Saír ao exterior era arriscarse a cruzarse con Antonio Anglés. Ou ter que recorrer despois a Lobatón (as públicas uníronse á feira do terror). As lóxicas preocupacións dexeneraron nun corsé irrespirable, que aínda perdura a pesar dos importantes progresos contra a violencia de xénero. 
 

Non todos os políticos son iguais, nin moito menos. E un entende que a comunicación precisa certo teatro. Pero por riba está a responsabilidade social. A súa aceptación é o que distingue a un bo político dun mediocre. A desproporción e o sensacionalismo non deben formar parte do debate público. Se non, pasa o desta semana, cando a ministra Irene Montero afirmou sen ruborizarse que antes dela os e as xuíces non valoraban o consentimento nos casos de violación. Un disparate. Como aqueles que daban audiencia a Nieves Herrero.

Nieves Herrero lidera Podemos

Te puede interesar