Palomares

Hai que seguir dándolle voltas ao desleixo do goberno de Vilagarcía coa nosa praia. A que se debe? Como é posible que se inaugurase a temporada de visitantes coa praia en tan lamentables condicións, co paseo marítimo a medias, coa praga de cadillo sen deixar de recolectar vítimas, co regato da Tripeira nun estado miserable desde hai meses e o parque infantil completamente estragado.

Non queda outra que pensar que a praia non lle importa ao goberno local porque non a coñece. Como valorar algo que non se coñece? Como coidar algo que non visitas, que non usas. Sería bo para o alcalde que, en vez de pasar todas as tardes do verán na Illa de Arousa, pasase unha vez ao mes pola praia do concello do que di ser máximo responsable. Sendo usuario entende o mal trato e as necesidades do lugar e fai algo por cambiar a súa situación.

Pero é difícil esperar algunha acción positiva de alguén que marcha ao Caribe en pleno debate orzamentario. Como vai baixar a area política, como vai coñecer a area da súa praia se pode estar no Caribe ou no Carreirón. É imposible que con estas accións poida ter un pouco de sentido, un pouco de responsabilidade e saiba facer o traballo polo que cobra ben.

Pero, ademais de utilizar a praia como realidade, podemos utilizala como metáfora do que sucede na cidade: é imposible entender o que lle pasa a nosa xente, é imposible facer algo por remedialo cando non se coñece, cando non se sente e cando non se comparte mínimamente a circunstancia. É imposible que un alcalde cuns ingresos fóra da realidade entenda os apuros das persoas para chegar a fin de mes. O que precisamos en Vilagarcía é política de verdade, da que consegue traballo para a veciñanza do concello.

É necesario saber o que é traballar oito horas diarias, xa non digo máis, para saber que necesita a clase obreira de Vilagarcía. É necesario pisar máis a area da praia. Hai días que chego a botar en fata a aquel coronel Tapioco que facía enquisas… pode ser a primavera que me afecta.


Palomares

Te puede interesar