Un pobo con historia

A historia fana os pobos. Si, con certeza absoluta na afirmación e no fondo metafórico da expresión. Aínda así, saber do noso pasado con rigor documental, narración fiel e crear didáctica do seu coñecemento é misión que precisa de persoas que pescuden nas fontes de datos e tamén doutras que recollan testemuñas e fagan delas un museo vivo de tradicións que faciliten a súa transmisión ás sucesivas xeracións de persoas que collen relevo na milenaria historia dun colectivo nacional.

Velaí a memoria dun grande milagre colectivo forxado no voluntariado cultural que se agocha na vizosa traxectoria do Museo do Pobo Galego que agora vén de renovar parcialmente a súa dirección institucional, pasando por vez primeira a unha voz feminina que asegura continuidade e futuro. Detrás, próximo ao fito dos corenta e cinco anos daquel 29 de outubro de 1977 no que, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, titularidade do Concello compostelán ao que chegou como prenda da desamortización, abrían tres das súas dependencia como primeiro xermolo do actual Museo do Pobo Galego, por impulso que viña xa de anos atrás liderado por persoas militantes do vello e do novo movemento galeguista coa intención de facer revivir o proxecto museográfico ao que aspirara o mítico Seminario de Estudos Galegos, aquela memorable institución galega creada en 1923 para estudiar e divulgar o patrimonio cultural galego, forxando aos investigadores do país.

Concha Losada, ata agora directora do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade que compatibiliza coa docencia na USC; é a nova presidenta do padroado que rexe este magno proxecto, substituto do inexistente Museo Nacional galego, e ten foco de luz orientada á celebración que conmemorará no próximo ano o centenario do Seminario, SEG, que tanto marcou aos seus predecesores na dirección da institucións: Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas, Díaz Pardo e Beramendi; todos eles gardiáns da alma galega pola que tanto fixeron na conciencia de país e o uso dunha lingua de cultura que precisa do empeño teimoso para que se manteña e medre, a risco contrario de perdela.

A singularidade do Museo do Pobo Galego é nacer da iniciativa cultural de base, medrar a partir do vontade altruísta de colaboradores e socios que lle dan unha sólida base soldada na emerxencia popular do seu nacemento, estratexia de crecemento que permite agrandar o número de sala e a dimensión física do establecemento cultural, enchidas en boa parte coa doazóns de particulares; e máis que todo da capacidade para achegar xente nova á tradición e multiplicar o enorme potencial dos recursos dunha entidade patrimonial querida entre a xeste do pobo galego. Un museo que vai máis alá do seu asentamento físico en Santiago para penetrar todos os currunchos da xeografía galega e, como parte dela, petar na porta da implicación de todos e cada un dos concellos do país.

Estender e agrandar este Museo do Pobo Galego é causa colectiva dun pobo con historia propia.


Un pobo con historia

Te puede interesar